Blogue | E eu que sei

In Itinere

Puxera no reprodutor de CDs (aínda gasto diso, mesmo gasto vinilos...Buah, que vello vou) "Voices of Nature" de Alfred Schnittke, mais logo cambiei de idea, pola mañá preciso dalgún impulso, e mudei a "Os sons do Pórtico da Gloria" de "IN ITINERE". E que actuais e dinámicos seguen a ser os sons do noso Pórtico, tan sequera nesta interpretación dirixida por Carlos Villanueva. Barrié de la Maza, xa sabemos, foi un canalla, mais temos que lle estar agradecidos á Fundación Barrié polos instrumentos, as voces e os sons que permitiu rescatar. É o que hai.

Lévame o impulso das Cantigas do rei Afonso IX do Reino da Galiza, X para o reino de Castela, e penso aínda no concerto que ofreceu coa Real Philarmonia o pianista de Nerva, Huelva, JAVIER PERIANES. Foi concertino o gran CEBRIÁN SIERRA, Ourense, do "Cuarteto Quiroga", habería que estarlle xa agradecido simplemente por ter recollido e levar polo mundo o nome do noso mestre Quiroga. Foi un concerto magnífico e por veces un verdadeiro espectáculo, pois ademais da orquestra, que se divertía tocando había esas dúas figuras da música no escenario a interpretar a Mozart e Beethoven como lles apetecía. Como se estivesen a rir  conforme facían nacer a música. Ás veces esquecemos que o Beethoven era un gran intérprete e que executaba improvisacións sobre temas seus ou doutros compositores. Ese Beethoven libre e solto debera aprendernos que a música é para liberarnos. De que cousa, de calquera cousa e, ás veces, de nós propios.

A vida non debera ser una partitura cerrada e asinada como un testamento que teñamos que obedecer, as partituras, os textos e todo o que herdamos debe de estar ao servizo dos vivos. Non só para a liturxia dos mortos.

E un día e mais outro penso no penoso momento da NOSA UNIVERSIDADE. Como son fillo da universidade, pois a universidade fíxome intelectualmente xa antes de pisar os seus claustros, xa que houbo un tempo no que a universidade irradiaba ás rúas e campos do país. E das institucións da cultura existentes acho que a universidade é a única imprescindíbel e a ela teño que remitirme sempre cando penso na nosa propia historia. Foi da universidade de onde saíu Antolín Faraldo e a nosa Revolución de 1846, a universidade de Domingo Fontán, a do Seminario de Estudos Galegos, a das ideas democráticas, desde logo galeguistas, de 1968, as ideas revolucionarias de 1972, a que seguiu aínda a expandir ideas críticas...

Se hai xeracións de mozos e mozas que unicamente teñen como referencia os programas e as figuras das televisións españolas, se están a ese nivel cultural e ideolóxico, non é culpa súa. Foi sempre na universidade onde encontraban outras ideas e outras referencias cara onde ollar. Se non é culpa súa, de alguén será pois.

É O PROFESORADO QUEN TEN QUE XOGAR ESE PAPEL. No xogo de roles da educación, o profesorado é quen ten que asumir a responsabilidade das persoas adultas. Quen debe plantexar ao alumnado os conflitos e as diversas visións das realidades sociais. A responsabilidade do profesorado da universidade é, alén de transmitir experiencia científica e orientar as buscas de coñecemento, fomentar o pensamento crítico. 

A universidade tivo sempre unha responsabilidade social e penso que hoxe non cumpre en absoluto con ela. Véxoa encerrada nun ensoberbecemento sen fundamento, como se fose un ente autosuficiente que non precisase nin alimentarse da sociedade nin lle debese devolver outra cousa que expender títulos.

Vivimos un momento histórico de crise no mundo, todo está cuestionado. O noso país vive desafíos profundos na súa existencia histórica, e que din as nosas universidades a iso? Ren.

Peor aínda, padecen tal anomia que nin sequera pensan que teñan que dicir cousa ningunha. E, se fosen capaces a pensalo, están tan desanimadas que nin sequera se atreven a abrir a boca.

Podo estar errado. Penso que non. Con universidade ou sen ela, a sociedade galega ten que xuntar ánimo e forzas propias para andar un camiño propio, para non ser arrastrada simplemente polos designios de poderes que a condenan.