Blogue | E eu que sei

Escritores madrileñ@s en misión a "provincias"

Escribir e publicar en lingua galega é un acto político. Sabémolo nós e sábeno eles. É un acto de resistencia fronte a un poder hostil, un acto de afirmación da existencia colectiva dun pobo que quere existir no mundo e na historia, que quere afirmar unha nación. E iso é contra quen nega o dereito a esa existencia.

Os súbditos do Reino de España actual temos por lei a obrigación de saber a lingua castelá, que é a lingua oficial deste estado, e o estatuto de autonomía recoñece a existencia da lingua propia da Galiza, a lingua galega, e o noso dereito a falala e escribila. Mais ese dereito está constantemente en discusión e non existe na práctica, as persoas galego falantes sabemos ben que somos tratados como estranxeiros na nosa propia terra. O mesmo recoñecemento dese dereito, cando foi lexislado polo parlamento galego, xa foi recorrido perante os tribunais no seu día polo propio Delegado do Goberno aquí, e era un goberno “socialista español”. E nas décadas seguintes foi a dereita española a que se distinguiu, co respaldo institucional, na súa belixerancia contra a nosa lingua. Foi o actual presidente do PP, cando era Presidente da Xunta, o primeiro lexislador contra a lingua galega, un mérito necesario para a súa carreira política na corte madrileña. A traizón aos intereses galegos e a profesión pública de servilismo á corte é un rito imprescindíbel para ser aceptado.

Preséntase unha “Asociación Gallega de Escritores”. Unha asociación que se presenta como “iniciativa de un grupo de escritores que creen necesario aunar los intereses del sector en una asociación. "AGE, Asociación Gallega de Escritores surge, por tanto, para acercar a escritores, sin importar género, lengua, procedencia, con editorial o autoeditados, con lectores, librerías, webs y bookstagramers”.

Non hai inocencia, e se a hai é finxida. Isto non é Toledo nin Valladolid nin Madrid, aquí hai un contexto e hai un país. Non somos “provincias” de ninguén.

Hai intención manifesta desde o nacemento co nome na lingua do estado, é unha asociación provinciana que recoñece a submisión aos intereses e guía da corte madrileña. E destacan na presentación o padriñádego de dous xornalistas chegados do corazón da corte, Manuel Jabois e Rosa Montero. Jabois é un xornalista madrileño oriundo de Sanxenxo, Rosa Montero xa é nacida madrileña, ambos encarnan o perfil do poder mediático da corte, o que institúe autores e obras, o que di quen existe e quen non, o que afirma a uns e nega a outras.

A obra xornalística é claramente ideolóxica, a literaria tamén o é, mais ten a súa autonomía e non xulgo unha obra literaria pola ideoloxía do autor. Para min Borges é un escritor único e Vargas Llosa meréceme o respecto dos libros que lle lin con independencia dos seus criterios sobre outros asuntos. E non xulgo o valor literario ou xornalístico da obra de Jabois ou de Montero, deixo iso para quen se dedique á crítica literaria, mais aí están apadriñando polo rol que ocupan no poder mediático español, son unha indicación de que as actividades desa asociación gozan da simpatía alí, serán ben vistas e atendidas con simpatía.

Sobre os renegados prefiro non falar, non merecen consideración, mais o comportamento de Rosa Montero paréceme falto de cortesía e de respecto cara os galegos e galegas. Unha actitude de alguén que chega ao lugar doutras persoas desde a posición da metrópole colonial, no seu descargo vai que iso é posíbel porque foi chamada polos “indios buenos” da colonia que precisan a man paternal ou maternal que lles dea bendición e protección, “galleguiños, galleguiñas”. Ninguén pode imaxinar que escritores galegos fósemos a Madrid a apadriñar unha Asociación Madrileña de Escritores, sería visto como soberbia, Almeida, Ayuso e toda a xente, Mario Vaquerizo incluído, darían voces indignadas con toda a razón.

A elección da lingua na que un escribe debe ser libre, e de feito xa o é, os escritores e escritoras galegas que vivimos baixo este estado sabemos as consecuencias de escribir nunha lingua ou outra e así tomamos unha opción cada un seguindo a súa conciencia e os seus intereses. E pódese comprender tamén que os escritores que deciden facelo en castelán e viven entre nós sintan a lonxanía dese centro da Meseta onde deciden todo e tamén a sorte das súas obras, e que actúen en consecuencia para ter unha embaixada na corte que os represente. Mais crear esa asociación que se pretende inocente e que desde o comezo opta por unha opción nun conflito non é o camiño máis limpo, pódense asociar a unha asociación española de escritores, que existe e que representa os escritores en lingua castelá.

A realidade da literatura baixo o Reino de España é a que é, a literatura española é exclusivamente a que se escribe en castelán, os escritores e escritoras que facemos a nosa obra na lingua do noso país somos tratados como hóspedes incómodos arrombados a un faiado fechado con chave e ao que raramente se lle permite entrar aire e luz. Na España non  existen outros escritores cataláns que os que escriben en castelán, o mesmo cos vascos ou galegos, as excepcións son iso, cousa necesaria para xustificar o cotarro.

E esa asociación nace como un instrumento colonial máis, unha rémora provinciana coa cultura dos Coros y Danzas, o feito de referirse como un dos seus obxectivos a difundir a lectura e escritura "en la sociedad gallega, tanto en el ámbito rural como urbano" demostra a visión tópica e prexuizosa sobre o noso país. Naturalmente que hai cidade e campo, como en todas partes, mais ninguén especificaría que se quere chegar á cidade e ao campo en ningún outro lugar, só a ollada acomplexada ou colonial pode explicar iso. Trátase de submisión e pailanada. Mais non inocente.

Comentarios