Blogue | E eu que sei

Cidadán Camilo

A Xunta de Galicia decidiu que Camilo Nogueira Román merecía o galardón “Medalla Castelao”. Non son moitas as veces nas que concordamos coas decisións dos gobernos da Xunta, esta é unha delas. Precisamente porque a cidadanía galega no seu conxunto debe ter referencias que fagan ver que o pensamento político de Daniel Castelao é o que fundamenta un país de persoas desacomplexadas, libres e donas de si.

Precisamos mestres, e Camilo foino e mais éo en cousas esenciais. Porque toda a súa vida viviuna con naturalidade como un home libre e como un cidadán que reclamou respecto para a súa identidade e a súa dignidade persoal. Exerceu de cidadán axudando a reconstruír a cultura galega no asociacionismo cultural, axudando a nacer o sindicalismo galego, a esquerda democrática galeguista, o nacionalismo galego contemporáneo...E fíxoo nas rúas, na profesión, no calabozo, nos parlamentos galego e europeo... 

E sempre con esa peculiar autoconfianza de quen se sufinca nunhas conviccións claras e goza da confianza na forza da vontade. Nunca dubidei en recoñecer que Camilo é un paisano cuns trazos de carácter que me parecen envidiabeis. É un verdadeiro espectáculo ver en acción iso que moitas persoas que o trataron chama optimismo de carácter e optimismo histórico e que el insiste en que é simplemente unha avaliación obxectiva das nosas posiblidades. 

E Camilo sempre foi un referente social porque encarnou públicamente un modo de facer política republicano de xeito natural, un proceder dialogante, reflexivo, falto de sectarismo e ao tempo desde unha posición clara. Unha elegancia na conducta que mereceu respecto duns e doutras. 

Para min é, adaptado ao tempo de hoxe, a mellor encarnación da cultura e das posicións políticas do galeguismo republicano, do Partido Galeguista de Castelao e Bóveda. Unha afirmación radical e profunda do noso país como nación, a irrenunciábel autoorganización política e a reivindicación da soberanía necesaria fronte a un estado centralista e unha corte espoliadora e un modo de estar no mundo sen medo e aberto ao noso tempo. Non sei de ninguén mellor para gastar unha medalla coa figura de Castelao. A Daniel non lle había desgustar nadiña.

Comentarios