Blogue | E eu que sei

Caen as referencias

Quen comprende que debe reparar nas relacións de poder, atendendo ás relacións de dependencia e dominación coa conseguinte explotación sempre saberá como posicionarse ante cada conflito. Cada conflito pídenos esa análise tras procurar información.

Mais para quen estea preso na ideoloxía dominante a vida é máis simple, non precisa análise propio e só debe obedecer as consignas do poder establecido. E neste momento moitas persoas no Reino de España están nunha fase de total desconcerto, ese desconcerto non vai ser aproveitado para interrogárense elas sobre a realidade na que viven, polo contrario fainas vulnerábeis, inseguras e seguramente optarán por solucións aparentemente seguras e radicais.  

E debo dicir que iso non debera acontecer na Galiza, pois desde aqui pódense ver claramente cales son as relacións de poder e o espolio de todo tipo que nos afecta a todas. E , tamén, porque temos quen desde aquí as denuncie e nos faga ver cales son esas relacións de poder inxustas. Mais na maior parte do estado a poboación ten diante unha dereita e unha esquerda, un goberno e unha oposición que están de acordo no fundamental, con algunha discrepancia de intereses e disputa ideolóxica sobre dereitos do individuo que son contrampuntos necesarios para xustificar as posicións. 

Mais todas as grandes certezas caeron e non hai nin figuras de referencia nin referencias de ningún tipo. 

O interesado retorno da Guerra Fría ou morna impulsado polos EE.UU a raíz da intervención militar na Ucranía é evidente para calquera persoa desinteresada. Así como as súas consecuencias, consecuencias buscadas hai tempo por Washington, o afundimento do Euro e o abatimento económico de Alemaña e a Unión -Europea. Saiulles redondo, a dominación político militar da OTAN sobre esta parte do continente europeo é tan dura que os propios presidentes europeos asumiron e decretaron formalmente a liquidación económica da Unión. 

Os EE.UU que obrigan ao Reino de España a entregar formalmente o Sahara ao reino Alauí, que protexen os masacres de Israel, que alimenta a guerra na Ucranía detrás de Zelenski, que levan invadido un país tras outro..., non son paladíns da democracia e a liberdade. Os gobernos e os seus intelectuais que pregoan iso na Europa son o que son, axentes do Pentágono que obteñen a súa posición e beneficios subseguintes grazas a manter esa posición, evitando os castigos a disidentes.

Mais se os EE.UU non son gardas e impulsores de liberdades tampouco o é neste momento a Unión Europea. A Unión, que sempre tivo luces e sombras, agora entregouse servilmente a un imperialismo agresivo que non negocia. Josep Borrell e Ursula von der Leyen piden á poboación europea que acepten a ruína para ser servos guiados dos xenerais do Pentágono. Este momento indigno da Unión é unha vergoña histórica. 

E na España vívese espectáculo da unanimidade. Unha unanimidade que venden todas as televisións madrileñas, a TVG aquí tamén. 

A unanimidade existe desde que UP decidiu entrar no goberno como un fin en si mesmo, sen forza social nin electoral detrás para facer valer unha posición. Agora toda a  suposta esquerda, PSOE e UP; xa aplaudiron no Congreso o designio imperialista norteamericano, unha suposta esquerda que acepta sen protestar esa política contraria á cidadanía, que se xustifica con leis humanitaristas que son negadas pola realidade, pois se pasas necesidade de todo tipo pouco vale que se che recoñezan formalemente todo tipo de dereitos. O de Unidos Podemos, ou como se volva reformular no futuro, formando parte dun goberno que leva adiante unha politica tan destrutiva e ao servizo da banca, as eléctricas, o IBEX... e ao tempo mostrando disconformidade coas medidas que asinan no Consello de Ministros é unha opereta bufa. 

Moitas persoas na España non teñen a quen votar cando Goberno e oposición marchan na mesma dirección. E iso só pode ser rentabilizado pola extrema dereita. 

Na Galiza, como en Euskai ou Catalunya, hai outras posicións politicas que son disidentes desas consignas e desa marcha solemne dos gobernos europeos conducidos por Biden, esa marcha militar absurda tan autodestrutiva.

Comentarios