Blogue | E eu que sei

"As bestas" e nós

Vivimos en sociedade e en toda sociedade existe ideoloxía dominante, e ideoloxías alternativas ou cuestionadoras. O Reino de España, a nación española realizada, amañece cada día e reconstrúese nacionalista. O nacionalismo españolista, xerárquico militarista e excluínte, é incesante e circula por todas partes e a todos os niveis.

O ano pasado unha xuíza de Marbella negáballe a unha nai o dereito a criar o seu fillo en Torea e antepuña o dereito do pai, xa que vivía en Marbella. O argumento era que se o neno fose coa nai viviría na “Galicia profunda” e iso quitaríalle posibilidades de realizarse como persoa mentres que en Marbella, unha sede profunda das mafias internacionais, tería máis posibilidades. E hai uns quince anos un interesante estudoso e pensador da cultura occidental, George Steiner, mandaba a cultura en lingua galega ao cesto dos papeis. Daquela o mesmo xornal onde manifestara ese erro permitiume publicar “Steiner y nosotros” no que lle recordei que contradicía o principio de liberdade e dereito a existir das culturas e da apoloxía da diversidade que el propio defendera nos seus artigos. Steiner corrixiuse con humildade e de contino ofreceu un texto seu a unha editora galega (“George Steiner en The New York Times”).

Tanto ten o día, tanto ten o ano, sen un estado propio e baixo este estado borbónico quen queira vivir como cidadá, cidadán galego vive humillado. E se quere existir debe resistir, vivimos defendéndonos.

E isto ven a conto do filme “As Bestas” que, como escribín na súa estrea, sendo obra duns bos artistas, excelentes realizador e guionista, seguramente tería un efecto moi negativo na percepción da identidade de galegos e galegas, tanto na España como na propia poboación galega. Porque a comunicación, un filme é unha mensaxe, dáse sempre dentro dun contexto. E efectivamente no Reino de España, e desde que se constituíu, existe unha percepción negativa de nós como persoas e mesmo do noso país como territorio humano e cultural; aínda que ultimamente se valoren máis os aspectos xeográficos e paisaxísticos. A xuíza de Marbella seguramente acudiu ver o filme “As Bestas” e verá confirmada a percepción que xa tiña ela antes porque xa existía, existe unha “Galicia profunda”. Non así unha “Marbella profunda” ou “Madrid profundo” (o de Almeida, Ayuso..., non ten profundidade bastante, seique).

E como o filme é unha obra artística consegue o seu efecto, a través da nosa sensibilidade e emocións consegue persuadir da verdade última do relato e deixa a súa marca na nosa imaxinación e na nosa mente. Quen acode velo sae da sala chocado e convencido da verdade de que esas persoas galego falantes, ademais de criminais violentos, son seres humanos efectivamente co seu punto de vista e as súas necesidades, mais esas persoas trastornadas son o restroballo dun mundo que xa desapareceu e que o noso presente xa está nas posicións posibilistas, e por tanto razonabeis, que se expresan na lingua do estado. Quen, logo de ver o filme, pode identificarse con esa xente histérica, ruda e desesperada que berra as súas palabras rústicas?

Cando presentei “Un señor elegante” insistín nos aspectos extraliterarios do libro, a historia mostraba unha Galiza real e distinta do fracaso histórico no que nos recreamos coas nosas reivindicacións bucólicas e soidosas de infancias labregas e emigrantes. Aparecía un país que se prefiguraba viábel e posíbel, unha Galiza adaptada ao tempo histórico e unhas camadas ilustradas e comprometidas co país formadas na Europa contemporánea. Unha outra representación da Galiza na que nos podiamos ver con esperanza.

“As Bestas” é un obra artística efectiva e convincente, ben interpretada, ben realizada, que confirma a españois con ideas previas sobre nós nos seus prexuízos e que confirma a galegos e galegas con complexo identitario na necesidade de fuxir de nós e mudar a identidade.

Ese filme ten detrás unha industria cinematográfica, a experiencia xa de varias xeracións de cineastas, bos medios e bos técnicos e artistas e toda a ideoloxía do estado. O relato desa outra Galiza posíbel non terá representación fílmica equiparábel, non haberá un outro filme épico que mostre a resistencia e os soños da xente comprometida co país. Un filme descolonizado e feito desde aquí que combata a desesperación coa esperanza razoada.

Comentarios