Blogue | Malalingua

Requírese tradutor / tradutora solvente

Hai uns meses asistín a un xuízo no que interveu unha tradutora de portugués solicitada de oficio polo xulgado a SeproTec, a empresa adxudicataria do concurso convocado pola Consellaría de Xustiza para prestar servizos de tradución e interpretación nos xulgados.

O meu coñecemento da lingua portuguesa permitiume decatarme ao longo do xuízo de que a interpretación distaba moito de ser unha fiel e rigorosa tradución das declaracións, de forma que a tradutora non só confundía cifras e datas, senón que tendía a resumir omitindo frases enteiras e non traducía as matizacións. A forma tan parcial, confusa e equívoca en que se traducía daba a impresión de que as declarantes incorrían en contradicións.

Unha intervención deficiente da que non culpo a quen a levou a cabo con evidentes carencias no dominio do portugués e das técnicas de interpretación, senón á empresa que se atreve a mandar ao xulgado a calquera cun suposto coñecemento da lingua sen previamente comprobar a súa formación. En definitiva, estas persoas que SeproTec manda aos xulgados non son intérpretes xurados nin teñen experiencia acreditada.

Aínda por riba tiven o desgusto de escoitar a gravación da vista e de comprobar que a interpretación levada a cabo foi obxectivamente moito peor do que eu percibín na sala. Foi tan evidente que acabamos realizando a tradución a catro mans: a xuíza, a avogada contraria e mais eu acabamos por complementar a deficiente tradución que realizaba a intérprete. Daría para chiste se non fose triste de máis. Que unha persoa non teña garantido o dereito a contar cun intérprete competente é a vulneración dos dereitos máis básicos.

E como profesional tiven que valorar en cuestión de segundos que lle conviña máis ao meu cliente, que intereses debían prevalecer. Impugnar  a tradutora supuña a suspensión do xuízo quizais durante medio ano até que sinalasen novamente xuízo, e por outro lado esa demora era contraria aos intereses do meu cliente. Nestas situacións tan complexas vémonos entre a espada e a parede cando están enfrontados os dereitos e os intereses.

Por desgraza estes feitos non son novidosos. A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) leva anos denunciando esta situación, e en 2014 a AGPTI e os centros universitarios que impartían o grao de Tradución e Interpretación advertían á Xunta que o prego de condicións da licitación dos servizos de tradución e interpretación incumpría a Directiva europea 2010/64, denunciando tanto a falta de profesionalización do traballo de tradutor e intérprete porque nin sequera se valoraba a condición de titulado, como tamén denunciaban a  precarización laboral, facendo público que as empresas pagaban a hora a 10 euros, mentres que as empresas cobraban 40 euros. Eis o beneficio económico.

Era tan previsíbel que ningún profesional con experiencia e solvencia fose prestar os seus servizos ante esas precarias condicións laborais, como que a falta de acreditación de competencia lingüística e formación nas técnicas de tradución do persoal redundaría nunha merma da calidade do servizo de tradución prestado.

Así como é inimaxinábel que alguén exerza de avogado sen o preceptivo título universitario de Dereito e se considera intrusismo profesional, resulta igualmente inimaxinábel que alguén suba ao estrado a realizar unha interpretación sen competencia na lingua nin ningún tipo de formación. Que tipo de garantía procesual se lle ofrece á persoa que vai ser asistida?

En 2013 o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya ordenou á Generalitat a incoar expediente contra SeproTec polas falsidades graves achadas na oferta que presentou ao concurso de licitación do servizo de tradución e interpretación dos órganos xudiciais con sede en Catalunya, do que era adxudicataria única. O Tribunal considerou que a denunciante, a Associació de Traductors i Intèrprets Professionals de Girona (AITP) demostrou que eran falsas un 90 % das titulacións de tradutor xurado indicadas por SeproTec, é dicir, 476 sobre 525. Unha porcentaxe parecida de falsidade deuse respeito doutras titulacións oficiais, así como nos apartados de coñecementos de catalán do persoal tradutor/intérprete.

Curiosamente o artigo 143 da Lei de Axuizamento Civil non exixe a intervención de tradutor xurado - intérprete xurado nas actuacións xudiciais, senón que “o letrado da administración de xustiza poderá habilitar como intérprete a calquera persoa coñecedora da lingua de que se trate, exixíndoselle xuramento ou promesa de fiel tradución”.

Isto significa que calquera sen ningún tipo de formación regrada nin ter acreditado oficialmente coñecementos nin formación para traducir pode facelo. A tradución carente de fidelidade e de rigorosidade pode chegar a provocar unha situación de indefensión a varias bandas: á persoa traducida, á receptora da tradución, á quen afecte esa tradución, etc.

A tradución é un acto cargado de responsabilidade e de consecuencias. Pola súa repercusión no proceso debería exixirse legalmente que a realizasen profesionais que garantan non só unha profunda competencia das linguas e formación en técnicas de traducir, senón tamén posuír coñecementos de Dereito e do código deontolóxico.

As declaracións verbais das testemuñas son un medio probatorio do que depende o resultado dun litixio, polo que son fundamentais as súas manifestacións, as matizacións e a literalidade das súas expresións. Así que aspectos tan relevantes non poden ficar en mans de amateurs.

Existindo os títulos oficiais de Tradutor xurado e Intérprete xurado concedidos polo Ministerio de Asuntos Exteriores, cumpriría que a Lei exixise a súa intervención nos estrados e en todas as actuacións nas que se puidese provocar unha situación de indefensión.

As miñas nefastas experiencias con pseudo-tradutores concienciáronme da necesidade de que as traducións sexan realizadas por profesionais habilitados, con formación acreditada, e  non por persoas que aseguran ter coñecemento nunha lingua na que posteriormente, á hora de interpretar, presentan tantas carencias que o invalidan para desempeñar tal tarefa con fidelidade, rigor e respeito.

O Estado español estase a demorar na transposición da normativa europea que exixe crear un rexistro de intérpretes para traballaren nos xulgados, o que comporta que se responsabilicen da interpretación os profesionais e correlativamente implica a perda de negocio destas empresas.

Paréceme gravísimo que o Estado español non lle confira transcendencia ao risco de non comprender e non ser comprendido e non pretenda corrixilo con profesionais competentes nas linguas e con formación nas técnicas de interpretación. É síntoma da falta de modernización da que adoece aínda a administración de xustiza e da indolencia dos que, coma sempre, apostan pola supremacía da lingua española como se non existisen outras no mundo.

Comentarios