Blogue | Malalingua

Falamos como xogamos

Xa de pequena ía eu para ensaísta. Con menos de dez anos gañei un premio cunha redacción sobre a perda de transmisión xeracional da lingua galega.

Consciente de que falaba galego, eu non entendía as causas polas que nais e pais galegofalantes se dirixían ás fillas e aos fillos noutro idioma. Por que habían de renegar da súa propia lingua?

Para min era un fenómeno inexplicábel, porque na miña casa falábase galego, pero non falábamos de sociolingüística.

Estes días atrás, de vacacións por Galiza adiante, andei co meu fillo por algúns parques infantís nos que coincidín casualmente con pais e nais que transmiten a lingua galega ás fillas e fillos. Escoitaba conversas nas que os proxenitores interpelaban os pequenos en galego e o estraño era que estes respondían en castellano. Evidénciase así que a escola actúa como un ámbito de castellanización.

Non son nais e pais da resistencia. Non pretenden ser activistas lingüísticos. Son persoas do común que, polo motivo que for, decidiron que a lingua familiar fose o galego. É unha decisión individual que ten proxección sobre a colectividade, ao resultar o máis normal do mundo que en Galiza falemos galego. Mais a anormalidade da desexada normalidade empéñase en convértenos en especies raras.

Como padecín a diglosia, coñezo os motivos polos que eses pequenos regresan a casa falando outra lingua. A socialización en castellano na escola constitúe un factor de abandono do galego. Na actualidade, a presión social do castellano é tan abafante que provoca que os pequenos muden de lingua mesmo no fogar.

A presenza do galego é residual na escola, como tamén o é nos debuxos animados e nos xogos existentes no mercado. E como consecuencia de todo o anterior, tamén é mínima no parque infantil.

Falamos como nos relacionamos, como socializamos, como xogamos.

Habendo unha sociedade que quere manter vivo o galego, con nais e pais que llelo transmiten ás fillas e aos fillos, convennos erradicar o actual modelo castellanizador da escola.