Blogue | Desde A Espiñeira | Falemos de psicoloxía

Se puidésemos reducir o estigma: trastornos adictivos, recursos e doentes

[María Carou]

O Informe Mundial sobre as Drogas 2022 das Nacións Unidas destaca as tendencias posteriores á legalización do cannabis, o impacto ambiental das sustancias ilícitas e o consumo de drogas entre mulleres e mocidade (1).

Cando se fala de drogas é fácil que xurda o debate: haberá quen diga que hai que legalizalas todas, e quen diga que hai que prohibilas. Neste país hai algunhas legalizadas e moi aceptadas socialmente, como o alcohol ou os psicofármacos, que non veñen á cabeza cando falamos de substancias. Ata nos controis de tráfico pódese ler "control de alcohol e drogas" como dúas entidades ben distintas. Nos servizos de saúde mental, non só se separa "Saúde Mental e Drogodependencias", senón que en moitos, dependendo do territorio e de quen sabe que outras cousas, o alcoholismo trátase e as demais adiccións son derivadas a outros servizos específicos.

A rede de tratamento de trastornos adictivos, polo menos en Galicia, está moi desenvolvida e especializada, atendendo a persoas que presentan, ou están a piques de ter, un trastorno adictivo. O importante non é a substancia (si, claro que son diferenciables, pero porque o efecto delas no cerebro é distinto), o que importa é a persoa que hai detrás. É unha persoa que sofre un trastorno de saúde mental (ou dous, ou tres, ou…), porque as adiccións, repito, son trastornos de saúde mental. E non, ninguén quere ter ese trastorno, igual que ninguén quere ter ningún outro. Ninguén quere romper unha perna, ou ter un accidente de coche ou unha diabetes. E si, a xente corre, conduce, come doces e hidratos de carbono. E si, tamén usa drogas. Non queremos minimizalo. É un problema serio, moito. Segundo datos do Sergas(2), a porcentaxe de poboación galega que presentará algún trastorno mental ao longo da súa vida é do 21,6%, sendo os trastornos do estado de ánimo e os trastornos por consumo de substancias os de maior prevalencia.

Estamos ante un problema que se converte en crónico, como moitos outros problemas de saúde, e como moitos outros problemas de saúde mental. Ter un problema da "cabeza" enténdese menos que un do "corpo", parece que a responsabilidade é da persoa: como se se quixese ter ou non se fixese nada para evitalo. "Deixe de ter vostede alucinacións ou ansiedade ou de estar triste ou de intentar suicidarse", parece que sería isto a solución. "Deixe vostede de consumir", igual que quen dixera "deixe de romper pernas, ou de ter unha cardiopatía". É certo que os prexuízos que se teñen cara estes trastornos non van ser doados de cambiar, quedaron estigmatizados nos nosos miolos: delincuencia, SIDA, vicio, o que vos veña ao recordo, heroína, máis que ningunha outra cousa. Ninguén quería atender a estes doentes, formaba parte da marxinación e do oculto, dese lado escuro que non se quere preto. E era un problema de saúde, pero daba tanto "problema", que mellor non mirar moito e mellor afastalo.

Grazas a asociacións, a entidades privadas, a concellos con sensibilidade, a servizos sociais, a ONG, a profesionais comprometidos co coidado da vulnerabilidade, a políticos con conciencia, foron atendéndose e ideándose as mellores formas de prestar servizo, e considerándose un problema de saúde, iso si, á marxe da sanidade pública. Neste país déuselle un trato de primeira (hai quen di que se gastaron demasiados cartos, hai quen di que non hai cartos que paguen a redución de graves problemas de saúde pública). Case corenta anos despois, segue considerándose un problema á marxe da saúde mental, ou máis que á marxe, paralelo. Segue habendo dispositivos e servizos específicos públicos, dependentes funcionalmente do Sergas e organicamente de Concellos e asociacións (3). Estase a loitar (e actualmente hai avances (4)) para que pasen a considerarse problemas de saúde mental, especiais? Si, non digo que non o sexan, e complexos tamén, pero non podemos dividilos en problemas que se atenden nun sitio ou noutro porque unha substancia estea legalizada ou non, ou porque dende sempre se fixo así…

[María Carou é coordinadora do Grupo de Traballo de Trastornos Adictivos da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza. Psicóloga Clínica]


1.-https://www.unodc.org/unodc/en/data-and-analysis/world-drug-report-2022.html

2.-http://hdl.handle.net/20.500.11940/13581

https://runa.sergas.gal/xmlui/bitstream/handle/20.500.11940/13581/Prevalencia_trastornos_mentais.pdf?sequence=1&isAllowed=y

3.-A ORDE do 12 de marzo de 2007 regula a integración funcional dos centros de alcoholismo e de atención ás drogodependencias non alcohólicas no Servizo Galego de Saúde. Esta orde está publicada no DOG nº62, do 28 de marzo de 2007

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2007/20070328/AnuncioB2CA_es.html

4.-Comisión Mixta de Integración da rede galega de trastornos adictivos creada o 19 de decembro de 2022 entre a FEGAMP e a Consellería de Sanidade-Servizo Galego de Saúde.

Comentarios