Blogue | Desde A Espiñeira | Falemos de psicoloxía

Na procura de acubillo: cando a fuxida é a única opción

[Coqui Rodríguez Holguín]

Hai xa máis de un ano que a guerra en Europa sumou unha nova vaga de persoas que foxen, neste caso dun "primeiro mundo" que se tornou atroz. Vaga que se une á corrente continua que trata de cruzar o Mediterráneo deixando atrás outras guerras, ou a miseria provocada pola corrupción política, pola voracidade neoliberal ou, agora tamén, pola crise climática. Que se engade a outros fluxos menos visibilizados, que escapan da violencia política ou relixiosa que os ameaza pola súa identidade ou orientación sexual, polas súas crenzas, polas súas posicións políticas... ou polo mero feito de ser mulleres.

A unhas fomos buscalas en taxi, consagrámoslles toda a nosa solidariedade. Con outros encóllesenos o corazón, mais tamén encollemos os ombros, ao velos amoreados, mortos, feridos, pateados, ao pé dun valado inzado de coitelas (están unha miga para aló, seica morreron do outro lado, non é cousa nosa). Moitas limpan nas casas de xente de ben, coidan dos nosos cativos e maiores, subsisten co mínimo para mandar unha presada de euros aos seus, na outra beira do Atlántico. A outras evitamos imaxinalas: sen documentación, secuestradas, violadas cada día tras os neóns dos puticlubs de estrada.

Sexan cales sexan as historias de vida pasada e os proxectos de futuro, o proceso persoal de afrontar o desarraigamento supón un reto dunha grande esixencia

Tanto se veñen en avión "con contrato en orixe", en caiuco co currículo envurullado en plástico ou nunha caravana solidaria; tanto se chegan con intención de quedar e traer os seus, de formar unha nova vida aquí ou de retornar cando as condicións ou os aforros llo permitan. Sexan cales sexan as historias de vida pasada e os proxectos de futuro, o proceso persoal de afrontar o desarraigamento, o proceso colectivo de integrármonos, supoñen retos dunha grande esixencia, psicolóxica e social, que concirnen á sociedade no seu conxunto.

Porque é a sociedade no seu conxunto quen ten que procurar a convivencia, o benestar e a dignidade individual e colectiva de todos os cidadáns, sexa cal sexa a súa procedencia.

A extrema fragmentación da información, con pouco espazo para a reflexión, para o contexto, para a análise, limita a nosa capacidade de análise dun problema tan multidimensional. Cómpre abrir o foco e reflexionar sobre a complexidade do proceso migratorio, saíndo desa ollada branca que só reacciona estarrecida ante a foto do corpo inerte dun neno a aboiar nas praias europeas. Que leva a meter a vida nunha maleta para saír sen querelo, sen saber moi ben onde, sen coñecer até cando? Como se arrostra ese futuro incerto?

O compromiso da psicoloxía co desenvolvemento social en igualdade e coa mellora do benestar individual e colectivo, só pode lograrse en colaboración e diálogo

Por iso, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela centramos esta edición das mesas de debate Tempo da Psicoloxía neste asunto, en botar unha ollada sosegada e precisa ás migracións. Entre o 28 de febreiro e o 2 de marzo falamos da experiencia de fuxir, de abandonar por forza o contorno propio na procura de refuxio. Da situación das vítimas de trata e como recuperar a vida tras escapar das mafias. Da importancia das redes comunitarias para lograr, con éxito, procesos de integración no lugar de chegada, sen por iso renunciar á identidade cultural de seu.

Contamso con psicólogas e psicólogos en diálogo con outros profesionais e axentes sociais implicados en diferentes fases destes complexos procesos: mediadores socioculturais, xestores políticos, cooperantes en ONGDs. Pero tamén con persoas que achegaron a súa visión dos retos, necesidades e estratexias de afrontamento desde a súa propia experiencia.

As dimensións que configuran o complexo fenómeno cultural, social e persoal das migracións son moitas e moi diversas, non foi posible abordalas todas nin en profundidade. A pretensión foi, como reza o sintagma permanente do título de Tempo da Psicoloxía, achegar Unha ollada sobre esta cuestión e facelo en diálogo aberto. Porque o compromiso da psicoloxía co desenvolvemento social en igualdade e coa mellora do benestar individual e colectivo, só pode lograrse en colaboración e diálogo permanente coa sociedade.

[Coqui Rodríguez Holguín é profesora na facultade de Psicoloxía da USC e membro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza]

Comentarios