Blogue | O Blogue da AELG

'Poesía, unha visión de xénero e identidades | Congreso Novas Voces da Poesía', por Andrea Nunes Brións

Non son eu das que cren nos tempos crononormativos, nas idades cronolóxicas, quizais máis nas mentais ou físicas. A novidade non sempre ven da man da xuventude. E neste caso, cúmprese, non son novas, ou non moi novas, pero si é novo o que nos traen, os seus discursos e aportacións a poesía na literatura galega: As tres autoras que veño a presentarvos hoxe, tentan rachar cos patróns cisheteronormativos, dunha sociedade colonial, monógama, capacitista e capitalista. As tres son aire novo, ou auga fresca baixo un deserto de discursos de odios e belixerancia atroz, desertos abafantes que se retransmiten minuto a minuto desde a Patagonia, a Gaza, pasando por Ferraz, e polos nosos montes arruinándose cas eólicas.

Elas lánzanse ao voo dun berro colectivo e plural, como outras antes o fixeron, e lembremos sempre a Ana Romaní naquel “non limiar” do libro Sem as mulheres nom há revolução publicado para o Festival da Poesía do Condado, algo que continua a ser de especial actualidade, o: “Non queremos un sitio, queremos outro lugar”.

Entón, que lugares? (a propia Ana o cuestiona no seu discurso de entrada da RAG), “existe ese común que nos convoca? esas poéticas nas fendas? Ese mar que resoa baixo o deserto?”

Eses outros lugares veñen acompañados de recollidas, de transversalidade, de interseccións, de transicións, ese outros lugares que para moites son o non-lugar é o espazo do cuestionamento, da pregunta, da recollida, é o lugar onde non hai talles, onde entramos todes.

Se o poema é o non-lugar mais lugar, daquela o resto dos lugares importan? As cartografías vitais do puño que escribe importa, as subxectividades outras importan, inscribirse no texto importa. A poesía é ese espazo posíbel para o delirio, a creación, a ruptura, a imaxinación; daquela o problema é claro: a invisibilización (máis unha vez) que ven da man da crítica, da recepción das obras.

Hai outros lugares, mais... hai escoita?

Na mesa “Poesía, Unha visión de xénero e Identidades” que puiden moderar co Congreso de Novas Voces da Poesía organizado pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega contamos coas intervencións de Anxela Lema París, Diana Kurich e Daniel Asorey. Puidemos reflexionar e cuestionar todas estas cuestións.

A primeira das intervencións foi a de Diana Kurich, autora do libro Feitas ao Sisel (Premio Illas Sisargas) onde recuperou a voz das mulleres silenciadas: falou do lugar que ocupa a outredade dentro dunha tradición, tamén oral, marcada por roles de xénero. Ademáis do oco onde se aniña durante xeracións e da capacidade creativa das anónimas que chega a día de hoxe na voz das outras e dela mesma.

A segunda das intervencións veu da man de Daniel Asorey (autor de poemarios referentes como Transmatria (Premio Johán Carballeira) ou Contra Natura (Premio Miguel González Garcés ) que traballou a idea de subalternidade, entendida como marxinalidade, tanto nos seus poemas como na hora de ollar como é tratada a literatura galega e mesmo a achega que ésta fai da cuestión de xénero. Explicou como esas disidencias han contar coa idea da interseccionalidade, na que non só entran as disidencias sexuais do movemento queer LGBTiQ+ , senón tamén as loitas raciais, a loita de clases.

Finalmente, cuestionando a recepción e interpretación das obras Ánxela Lema (co-autora do libro de Ex-centricas, ou O cento voando. Amores, alianzas e non monogamias)  interveu cunha reflexión acerca de como o discurso poético e teórico-político se entrecruzan de maneira constante. Falou de modos ex-céntricos de facer teoría e convidou á reflexión sobre como se están a poetizar mais, sobre todo, como se están a interpretar os discursos ao redor do amor, os afectos e os praceres na poesía galega contemporánea e como desde os estudos cuir e transfeministas se pode reapropiar deses ocos que as lecturas mais tradicionais ou hexemónicas non revelan. Ademais convidounos a deixar de obviar que o sistema monógamo e o biografismo interfiren como mediadores ideolóxicos na lectura da poesía e que como suxeitos lectores temos certos mecanismos instaurados, viciados, que nos levan a ler as voces poéticas segundo o sistema sexo-xénero, a orientación sexual e a orientación relacional que lle presupomos á figura autorial. No entanto, que pasa cando non contamos con toda esta información? Ou que é o que acontece cando non se mostra de maneira tan evidente no texto mais os textos si deixan espazo a lecturas desde eses outros lugares?

As tres intervencións convidaros a repensar as oportunidades que nos poden achegar a nova poesía galega cuir na nosa literatura, dando lugar a unha poesía máis diversa e transgresora do que se nos fai crer desde a crítica literaria máis canónica e tradicional. 

Como peche, remato cun verso de cada unha destas autoras, para nos lembrar que:

Só nos damos conta do poder das palabras cando te atopas con elas.
(Diana Kurich)

Porque o noso amor ha ser revolución, un acto sobversivo,  un desacato
(Daniel Asorey)

Deséxonos fortes na calma da revolta.
(Ánxela Lema)

Andrea Nós Diario

[Andrea Nunes Brións é docente e escritora, membro da AELG]

Comentarios