A xustiza fai efectivo o despedimento de 100 traballadores de Barreras

Os despedimentos seguiron adiante a pesar de que o cadro de persoal da empresa xa anunciou a súa intención de recorrer esta decisión xudicial.
Estaleiros Hijos de J. Barreras. (Foto: Paula Justo / Europa Press).
photo_camera Estaleiros Hijos de J. Barreras. (Foto: Paula Justo / Europa Press).

O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, fixo efectivo no día de hoxe o despedimento de 100 empregados do estaleiro Hijos de J. Barreras, tal como informaron fontes do comité de empresa a Europa Press.

O pasado 6 de xullo, o tribunal acordou a extinción, con data ao 1 de agosto, dos contratos dun centenar de empregados da compañía, que está en fase de liquidación tras ser declarada en concurso voluntario.

Os despedimentos seguiron adiante a pesar de que o cadro de persoal da empresa xa anunciou a súa intención de recorrer esta decisión xudicial.

A resolución do Xulgado do Mercantil número 3 da cidade olívica afecta tamén a outras dúas empregadas que realizan labores administrativos e que seguirán en activo mentres o requira a administración concursal, pois os seus postos son necesarios para este período de liquidación.

Indemnización de 20 días por ano traballado

Segundo o disposto polo xulgado pontevedrés, os traballadores e traballadoras de Barreras mantivéronse en expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) até este pasado domingo, e serán indemnizados con 20 días por ano traballado.

Finalmente, a administración concursal impuxo o seu criterio e os profesionais do estaleiro recibiron a indemnización mínima, segundo denunciaron fontes sindicais.

A maxistrada tomou esta decisión unha vez quedaron acreditadas, segundo explicou, "as causas económicas e produtivas motivadoras da medida interesada, consistente na extinción colectiva dos contratos de traballo de 102 traballadores do persoal".

Comentarios