O persoal de Barreras anuncia unha batalla legal "e na rúa" para evitar o despedimento dun cento de traballadores

"Non vai ser un despedimento fácil", advirte o comité de empresa, que rexeita a oferta de Armón porque só se compromete a manter unha vintena dos máis de cen empregos.
Concentración do persoal de Barreras ás portas da factoría, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración do persoal de Barreras ás portas da factoría, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)

O comité de empresa do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras anunciou esta segunda feira que dará a batalla nos xulgados, "e na rúa" se o xulgado mercantil acorda a venda da unidade produtiva a Armón, o que suporía o despedimento de practicamente a totalidade do cadro de persoal —arredor dun cento de traballadores—. Así, advertiron: "Non vai ser un despedimento fácil".

Os sindicato UXT convocou esta segunda feira unha concentración e un corte de tráfico fronte ás instalacións da empresa, en cuxa fachada colocaron carteis pedindo unha "solución" para Barreras, e cualificando aos seus propietarios, Ritz-Carlton, de "piratas" e "traidores".

Sergio Gálvez, presidente do comité, lamentou o "pouco apoio" que tivo o persoal neste proceso, no que tanto a parte propietaria como o administrador concursal prometeron respectar no posíbel o mantemento do emprego, segundo denunciaron.

"E habendo dúas ofertas que respectaban o emprego [as de Marina Meridional e Gondán, a preferida dos traballadores por garantir a práctica totalidade dos postos], foron escoller a que bota á rúa cen traballadores", criticou. Após lembrar que Armón prescindiría dun cadro "cunha alta cualificación", advertiu de que a súa oferta converterá os 20 empregados que sigan no estaleiro en meros operarios "para mover chapa", cando Barreras foi "un símbolo da construción naval en España" e fixo "os mellores barcos".

Gálvez insistiu en que o comportamento dos traballadores "foi sempre exemplar" para facilitar unha saída ao futuro do estaleiro, e denunciou que, lonxe de velar polos intereses do cadro e da empresa, a Xunta "está nunha pasividade absoluta".

Por iso, anunciou que os traballadores van dar a batalla nos tribunais, presentando alegacións contra o informe "detestábel" do administrador concursal e recurso no caso de que o xulgado acorde elixir a oferta de Armón, e tamén "na rúa", con novas concentracións, previstas para a quinta e a sexta feira.

"Hai cuestións que nos xeran dúbidas, por exemplo en materia de competencia, porque Armón xa ten 50 % da construción naval e vai tomar unha posición dominante, mentres non se deixa crecer outros estaleiros que teñen problema para dar saída á súa carga de traballo [por falta de espazo]", sinalou Sergio Gálvez.

A respecto da actual propiedade do estaleiro, que ostenta unha navieira de Ritz Carlton, avanzou que "seguramente" o comité actuará contra ela pola vía penal, ao considerar que puido incorrer nun delito de alzamento de bens "porque levou o barco fóra [o cruceiro Evrima], levaron carga de traballo e compraron unha navieira como fanfarróns". "Hai partido e imos xogar", insistiu.

Comentarios