As vías "vellas" e a falta de mantemento son "graves" a ollos dos ferroviarios

A carencia de persoal e a externalización de actividades de mantemento da rede ferroviaria son as razóns que dá o comité xeral do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) para convocar paros de dúas horas en todo o Estado español que comezarán a sexta feira 26 de febreiro e estenderanse todas as sextas e sábados até o día 26 de marzo, cando terá lugar unha xornada de folga. A situación denunciada polos sindicatos ten unha repercusión especial na Galiza. 

Interior da estación de ferrocarril da Coruña con varios trens agardando a súa saída (Nós Diario)
photo_camera Interior da estación de ferrocarril da Coruña con varios trens agardando a súa saída (Nós Diario)

Desde o ano 2005 no que Adif inicia a súa actividade, tras a segregación de Renfe en dúas entidades, a perda de persoal foi unha constante. A nivel estatal ás 224 baixas pola creación de Adif Alta Velocidade e as 844 do transvasamento da canle de venda a Renfe Operadora, hai que sumar a perda de 2.359 persoas traballadoras no período 2005-2020, das cales un 90% pertencían ao persoal operativo.

Para os próximos anos, e cun persoal cunha idade media de 56, no período 2021-2024 prevese a baixa de 2.337 persoas traballadoras. "Perdeuse dous terzos do cadro de persoal", explica a Nós Diario o presidente do comité de empresa de Adif na Coruña, Pedro Cano

Áreas máis prexudicadas pola falta de persoal

Desde o comité denuncian que se chegou a un acordo no convenio que contaba cunhas taxas de reposición "que a empresa incumpre", seguindo unha "política de externalización total, é dicir, de privatización". Segundo explican, o colectivo de infraestrutura está a sufrir a externalización de departamentos críticos de sinais, liña aérea de contacto (LAC) e  vías, entre outros. Esta área, en opinión deste comité, "pode comprometer gravemente a seguridade na circulación dos trens".

Infraestruturas é a área que se dedica ao mantemento preventivo e correctivo de toda a liña: encravamentos, carrís, travesas e sistemas automáticos de freo. "O que buscan é que non entre persoal operativo e ir licitando contratos para empresas privadas", indica este sindicalista. 

Outra das áreas máis prexudicadas é a de circulación, o persoal que está no tráfico ferroviario. "Co modelo actual terán que fechar moitos gabinetes de circulación", asegura Cano, "enfócano cara a reunir moito persoal nun só punto, os postos de mando, e logo ter algunhas persoas traballando de maneira itinerante, sen gráficos". Ademais hai outras áreas afectadas pola falta de persoal que denuncian os sindicatos,  como a do persoal de administración e oficinas, con colectivos tan importantes como seguridade e protección, patrimonio e Recursos Humanos.

Denuncian que "cada ano polas xubilacións non repoñen este persoal nin ofertan estas prazas nas mobilidades internas provocando cada vez máis cargas de traballo para as empregadas e empregados" ademais dunha "deslocalización destes colectivos". 

O mal servizo, segundo o comité, nótase tamén no colectivo de Estacións de Viaxeiros pola falta de persoal, como no caso da estación de Ferrol, na que xa non se atende ao público.

Repercusión na Galiza

A falta de persoal de Adif ten unha repercusión especial na Galiza, segundo Juan Sánchez, da Confederación Xeral do Traballo (CXT). "A nosa estrutura ferroviaria precisa duns estándares de mantemento moito máis importantes, con máis horas que noutros territorios", indica, "temos vías moi vellas como a liña do Miño, a do interior de todo Lugo e a falta de cadro de persoal nos equipos de mantemento da infraestrutura ferroviaria é grave". 

As incidencias son continuas e os atrasos, que continuaron co comezo de ano, tamén. Esta mesma terza feira, no momento de escribir esta información, unha árbore caída ás 7 horas entre Guillarei e Porriño non se retirou até as 10.40 horas. Tamén, sobre as 10 horas, tivo lugar un afundimento na estación de Frieira (Crecente), o mesmo que xa se fixera o pasado 12 de decembro de 2020 causando importantes atrasos. Desta vez, interrompeu a liña Monforte de Lemos-Vigo

"As últimas incidencias que tivemos durante este inverno, como a caída de árbores e trincheiras, coa consecuencia de cortes de circulación ferroviaria, é unha derivada de que non se está a facer o mantemento da infraestrutura", sentencia o sindicalista da CXT.

Comentarios