Competencia constata o progresivo abandono do ferrocarril na Galiza

O progresivo abandono por parte das administracións do transporte en ferrocarril no interior da Galiza fai que as escasas rutas de proximidade presenten os peores datos de aproveitamento do Estado español. En 2019 ofertáronse 230.000 prazas menos, pero só se perderon dous mil viaxeiros (-4,3%)
Os trens de vía estreita cobren as rutas entre Ferrol e Ribadeo.
photo_camera Os trens de vía estreita cobren as rutas entre Ferrol e Ribadeo. (Foto: Europa Press)

A mobilidade por tren segue a ser unha materia pendente na Galiza. Mentres se debate no Congreso o traspaso da titularidade da autoestrada AP-9, os camiños de ferro do país ven como a súa actividade decrece co paso dos anos, agás no Eixo Atlántico (A Coruña-Compostela-Vigo), que move xa dous millóns de viaxeiros ao ano, con crecementos próximos a 4% en 2019, segundo datos do último informe de supervisión do mercado de transporte ferroviario da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

Neste documento, ao que tivo acceso Nós Diario, o regulador sinala que a rede ferroviaria española segue a ser unha das máis infrautilizadas de Europa, ao obter un índice de intensidade de uso de 35,2 puntos, fronte aos 54 puntos da media europea ou os 78 de Alemaña, país que utiliza a súa rede de transporte ferroviario máis do dobre do que se fai no Estado español. O informe destaca os "rechamantes" datos da Galiza a respecto do número de persoas usuarias dos servizos de proximidadede suxeitos a obrigas de servizo público (OSP), cun índice de aproveitamento de 14% e cunha ocupación de 15% no exercicio 2019.

Segundo apunta o regulador, nos primeiros meses dese ano produciuse unha reordenación das circulacións cuxo obxectivo era mellorar os servizos de Ancho Métrico (FEVE). Esta reordenación consistiu en reducir os servizos de menor percorrido, como Ferrol-Xuvia, de 7,6 quilómetros, e aumentar os servizos de maior distancia, como o caso de Ferrol-Ortigueira, con 52,4 quilómetros.

Estes cambios melloraron a puntualidade do servizo, mais tamén reduciron as circulacións e as prazas, un "desmantelamento encuberto" que leva anos denunciando a Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo e que constata o informe da CNMC.

No período 2016-2019, o número de viaxeiras reduciuse 32,2%, ao pasar das 73.000 de 2016 até as 49.000 rexistradas durante o ano 2019. Pero o recorte no número de prazas foi aínda maior, de 38,6%, con 328.000 asentos ofertados en 2019, que contrastan cos 535.000 dispoñíbeis tan só tres anos antes.

Caída en longa distancia

O servizo de proximidade nas comarcas do norte non é a única prestación que perde viaxeiros. Segundo a CNMC, o tren sufriu un descenso de 6,2% no número de persoas usuarias nas rutas entre a Galiza e Madrid, unha caída que aproveitou o avión, que gañou 5% máis de pasaxe ese ano. 

Na outra das liñas de longa distancia, a que une a Galiza e Barcelona, suspendida e recuperada hai tan só uns meses, a tendencia foi a contraria: aumentou 5,6% o número de viaxeiros mentres que descendeu 5,3% a pasaxe dos avións que cubrían esa mesma ruta, un dato que se explica en boa medida pola retirada de Ryanair do aeroporto de Vigo. 

Con todo, o informe resalta que "a longa duración dos traxectos fai que o modo ferroviario continúe sen ser unha alternativa competitiva nos desprazamentos que unen Barcelona coa zona noroeste", que son as liñas con menos persoas usuarias.

Nos últimos anos, Galiza foi beneficiaria dun forte investimento por parte do Estado español en materia de infraestruturas ferroviarias. De feito, está previsto que este mesmo ano rematen as obras do corredor ferroviario de alta velocidade entre Madrid e Galiza, o que permitirá acurtar os tempos e converter o tren nunha alternativa tanto ao avión como ao vehículo privado. 

Os esforzos investidores, centrados na Meseta

Os esforzos investidores só se centraron no corredor atlántico e na saída cara a Meseta. Pouco se investiu en conexións internas, as que benefician o conxunto da poboación, como o eixo A Coruña-Betanzos-Ferrol ou a conexión de Lugo coa Coruña, Compostela ou Ourense, aínda que nesta última o Goberno español vén de comprometer un investimento de 52 millóns de euros destinados a traballos de mellora. Tampouco se avanzou na creación dunha rede de proximidade que garanta a obriga de servizo público do ferrocarril.

Galiza seguirá, pois, a pagar as consecuencias da carencia dun servizo de proximidade propio e da falta de competencias sobre a xestión das infraestruturas ferroviarias 

Comentarios