Adif, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, cualifica de "discriminatorio" que a Xunta da Galiza se negue a cofinanciar as áreas comúns da estación intermodal de Lugo, fronte aos acordos alcanzados noutras estacións galegas.
Faino logo do encontro telemático que mantiveron onte o ente estatal, o Ministerio de Transportes, a Administración local lucense e mais a propia Xunta.
Nel, non se chegou a ningún acordo respecto a esas áreas comúns, fundamentalmente o aparcadoiro subterráneo e os accesos.
As partes implicadas acordaron repetir a reunión nun prazo de sete días, o mesmo que o ente ferroviario ofrece á Administración galega para que presente a súa primeira proposta de cofinanciamento do complexo.
O Adif lémbralle que os proxectos se atopan "nun estado moi avanzado a pesar da falta de acordo para a subscrición do Convenio".
A maiores, tanto Adif como o Concello de Lugo solicitaron á Xunta que modifique a cualificación do edificio de Correos, que figura como protexido condicionando as obras. As dúas institucións consideran que o edificio non reúne os requirimentos para esta clasificación e piden unha rectificación.