Xustiza

O TSXG recoñece dereito á baixa pola Covid desde o primeiro día

A cobranza debe "retrotraerse á data do feito causante", é dicir, á propia baixa, salienta o alto tribunal.
Test de Covid-19. (Foto: Okrasiuk)
photo_camera Test da Covid-19. (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de recoñecer a unha técnica en coidados de enfermaría o dereito a cobrar a baixa por Covid-19 como accidente laboral desde o primeiro día e non, como pretendía a mutua, desde só tres meses antes da solicitude da determinación da continxencia.

A sentenza do alto tribunal galego, con data de 21 de febreiro e dada a coñecer esta segunda feira, confirma outra decisión previa do Xulgado do Social número 3 de Lugo contra a cal a mutua presentou un recurso por entender que a empregada só podía percibir a incapacidade temporal cunha retroactividade de tres meses desde a solicitude para que esta pasase de ser por enfermidade común a accidente de traballo.

A técnica estivo de baixa desde o 30 de outubro de 2020, cando deu positivo en Covid-19, e non foi até o 26 de marzo de 2021 cando se presentou a solicitude de determinación a continxencia, que o tribunal médico resolveu en outubro de 2021.

Por tanto, a mutua pretendía que só puidese cobrar como accidente laboral desde o 26 de decembro de 2020, dous meses despois da incapacidade temporal. Agora, o TSXG resolve no mesmo sentido de que a cobranza debe "retrotraerse á data do feito causante", é dicir, á propia baixa, concedida xa o 30 de outubro.

Comentarios