A traxedia do 'Sempre Güeto' pide unha análise da perigosidade do sector

A traxedia do buque 'Sempre Güeto' lémbranos que o sector pesqueiro segue a ser un dos máis perigosos do país. Asumindo o medio no que traballan 'Nós Diario' interesouse polas melloras que se poderían realizar para minimizar os custes humanos. Os sindicatos piden  unha investigación e medios
O cerqueiro 'Sempre Güeto'. (Foto: Remitida / Europa Press)
photo_camera O cerqueiro 'Sempre Güeto', buque que esta quinta feira naufragou. (Foto: Remitida / Europa Press)

O naufraxio do cerqueiro 'Sempre Güeto', con base en Portosín, que se saldou coa morte de dous dos seus dez tripulantes puxo en evidencia, unha vez máis, a perigosidade  deste sector. Desde a Federación Galega de Confrarías o seu presidente, José Antonio Pérez Sieira, lamenta a perda de vidas humanas e lembra a Nós Diario que "o traballo do mar é moi duro, non hai outra". Cre, como noutros casos, que erradicar os accidentes "vai ser algo imposíbel" polas circunstancias e o medio no que traballan.

Os sindicatos reaccionaron pedindo unha investigación e máis medios. O sector do Mar de CCOO exixiu a apertura dunha investigación "áxil e rigorosa" que esclareza as causas desta traxedia. Sinalan que son xa "demasiadas" as mortes accidentais que se están a producir no mar sen que as investigacións oficiais "sirvan para reducir a súa incidencia" nin para que se apliquen "melloras substanciais" nas condicións de traballo. 

Lamentan que "as mortes son noticia nos medios de comunicación no propio día, mais pasan ao esquecemento con notábel rapidez e finalmente convértense nun apuntamento estatístico máis". Por este motivo demandan  ás autoridades políticas, xudiciais e empresariais que a investigación destas mortes sexa "concluínte" para "mellorar ou reforzar os protocolos, evitando así novas traxedias". 

Xabier Aboi, da CIG, ao analizar o accidente apunta que "é un caso raro posto que houbo renovación da frota no cerco e os barcos están ben" ademais de contar "con xente veterana e de oficio que coñecían moi ben a zona".

A frota actual, explica Aboi a Nós Diario, "non é a mesma agora que hai 30 anos nin tampouco é a máis neglixente e coida os barcos facendo as reparacións que teñen que facer". Este sindicalista lembra que desde a central nacionalista exixiu en varias ocasións que os traxes de supervivencia fosen obrigatorios. Recoñece que hai armadores que os mercan mais "é un gasto potente". Cre que, en seguridade, "vai máis adiantada a náutica deportiva que a pesqueira".

Mellorar a lexislación

Xosé Manuel Carril, profesor do Dereito do Traballo e Seguridade Social na Universidade da Coruña, explica a Nós Diario que no sector da pesca, traballando a bordo dos buques, hai unha "combinación de varios riscos", por un lado os propios "do medio" e por outro "do seu centro de traballo".

Para Carril, todo o relacionado coa prevención de riscos laborais, condicións de traballo e a Seguridade Social "deberíase facer tendo en conta de que se trata dun centro de traballo itinerante". Neste sentido explica que "gran parte da lexislación está pensada desde terra para terra que para o mar".

Este profesor salienta que a propia Organización Internacional do Traballo (OIT) e a Unión Europea (UE) "poñen de manifesto que onde máis accidentes hai é nas actividades marítimo-pesqueiras" sobre todo aquelas que se realizan a bordo dos buques de pesca. Por este motivo cre que o Estado español "debería mellorar a regulación das condicións de traballo nas embarcacións".

Apunta que o convenio 188 da OIT sobre a pesca "non foi ratificado polo Estado español" da mesma maneira que a directiva específica europea para aplicación deste convenio, "a 2017/159 tampouco a foi en prazo". Carril indica que se se compara a situación do Estado español "con outras como Portugal ou Francia, aquí segue a ser unha materia pendente". 

Valorar o traballo no mar

Carril entende que, en todo o caso, "este tipo de desgrazas debería facernos pensar de que estamos a falar dunha actividade moi perigosa" e "acordarnos non só nestas circunstancias". Por iso demanda que sexa un traballo "ben regulado, ben remunerado e ben protexido" para que compense o esforzo de quen traballa neste sector. "Un exemplo é a xubilación anticipada da tripulación dos buques da mariña mercante sen que se penalice a contía económica da súa pensión foi por ese camiño", engade.

Comentarios