O sector pesqueiro "sen sorpresas" no acordo do Brexit

A patronal do sector pesqueiro bota en falta máis peso do factor socioeconómico na distribución das cotas.
Barco arrastreiro (Cepesca)
photo_camera Barco arrastreiro, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Cepesca)

Non houbo sorpresas para o sector pesqueiro no acordo bilateral alcanzado entre a Unión Europea e o Reino Unido sobre posibilidades de pesca de stocks compartidos e especies profundas. Aínda así, lamentan que os aspectos socioeconómicos da pesca non tivesen un peso maior na negociación, en opinión da Confederación Estatal de Pesca (Cepesca).

Nun comunicado, a frota considera que coas cifras de capturas que fixo públicas o Ministerio de Agricultura, nalgunhas especies  acabarase o "ano sen sobresaltos, mais non así noutras, debido ás reducións provocadas polas cesións da UE e polas reducións dos totais admisíbeis de capturas (TAC)". 

Cotas por especie

Segundo os datos provisionais da Secretaría Xeral de Pesca e os cálculos realizados polas propias organizacións pesqueiras, o sector considera que a maioría dos recortes están suxeitos, exclusivamente, ao acordo do Brexit e ás recomendacións científicas. Valoran que non se acordou TAC 0 para o ollomol e o bacallau. Na primeira mantén unhas capturas de 84 toneladas para os dous próximos anos e para o segundo a frota contará con capturas accesorias do intercambio entre Estados.

A especie con maior interese, como é o caso da pescada, sufriu unha redución dun 14,43% no stock norte, pasando das 18.667 toneladas de 2020 ás 15.974 de 2021; e unha redución do 12,62% no stock sur (Golfo de Biscaia), pasando de 12.995 toneladas en 2020 a 11.355 en 2021.

Respecto ao galo, o do Mar Céltico reduciuse nun 8,27%, pasando de 5.620 toneladas en 2020 a 5.155 en 2021. O do Oeste de Escocia, as cotas para a frota redúcense nun 21,46%, pasando de 671 toneladas a 527. Polo que se refire ao galo  no Golfo de Biscaia, as cotas incrementáronse un 3,22%, até as 1.025 toneladas.

No caso do rape, o do Mar Céltico, as cotas para incrementáronse un 3,70%, até as 1.344 toneladas. No do Golfo de Biscaia, medra un 13,41%, ata as 1.556 toneladas e, por último, o rape baixou un 29,64% na zona 6, situándose en 216 toneladas.

Por último, o lagostino da zona 7 baixa un 1,59%, pasando de 1.009 a 993 toneladas. Polo que se refira ao lagostino do banco de Porcupine, crece un 24,78%, pasando de 795 a 992 toneladas.

Comentarios