mércores 19/05/21

Os traballadores de Alcoa apostan por retomar a folga

A representación dos traballadores está chamada a unha reunión no Ministerio de Industria esta terza feira que podería facer mudar os plans de retomar a folga.
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, durante a rolda de prensa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, durante a rolda de prensa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O pasado 1 de maio deuse por vencido o acordo entre o comité de empresa de Alcoa en San Cibrao (Cervo) e a dirección da compañía, no que os traballadores se comprometían a suspender a folga iniciada en outubro de 2020 para facilitar un acordo marco para a venda da planta de aluminio primario antes do 30 de abril. 

Chegada a data, co Goberno español borrándose das negociacións e coa empresa sen avanzar acordos con ningún comprador, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, avanzaba que esta semana, cumprindo co prazo legal de cinco xornadas, retomarían a folga e as mobilizacións.

A decisión debía tomarse na asemblea decorrida a primeira hora do día de hoxe, na que maioritariamente acordaron retomar a folga a partir do día 6.

Porén, todo vai depender do que aconteza mañá, xa que o Ministerio de Industria convocou unha reunión co comité as 20.30 horas. 

Os traballadores agardan que neste encontro haxa lugar para un xesto por parte do departamento que dirixe Reyes Maroto para evitar a convocatoria de folga.

Á espera do que lles comunique esta terza feira o Ministerio de Industria, o comité xa convocou outra asemblea para esta cuarta feira na que os únicos puntos do día serán informar sobre a venda da planta de aluminio primario e decidir sobre as mobilizacións e medidas a tomar. 

comentarios