O Supremo pronúnciase contra a 'pausa para o café': as empresas poden obrigar a fichar porque "non é tempo efectivo de traballo"

O alto tribunal rexeita un recurso de CCOO contra unha serie de medidas impostas pola compañía gasolineira Galp.
A compañía gasolineira Galp obrigou o seu persoal a deixar constancia destes descansos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A compañía gasolineira Galp obrigou o seu persoal a deixar constancia destes descansos. (Foto: Nós Diario)

A 'pausa para o café' non é "tempo efectivo de traballo" e, polo tanto, as empresas poden descontar o tempo dese descanso ao seu persoal. Así o vén de decretar o Tribunal Supremo, que rexeita un recurso de casación presentado por CCOO contra a cadea de gasolineiras Galp, avalando deste modo que as compañías obriguen aos seus traballadores e traballadoras a fichar cando saen a fumar ou a tomar un café.

O sindicato xa presentou en 2019 na Audiencia Nacional unha demanda contra a compañía na que pedía que se declarase nulo o cómputo de fichaxes de incidencia sobre ausencia para fumar, tomar café ou almorzar, que até ese momento estaba integrada na xornada laboral e non se fichaba nin se descontaba.

Nesa primeira demanda, CCOO tamén exixía a nulidade da obriga de que as horas extraordinarias dependesen dunha autorización previa por parte do responsábel directo e do novo cómputo de xornada estabelecido por Galp, coa contabilización das viaxes de traballo como xornada normal.

A Audiencia Nacional rexeitou entón esa demanda e agora volve facelo o Supremo con este recurso de casación. O alto tribunal ratifica coa súa decisión a sentenza de 2019 da Audiencia Nacional.

"Non é tempo efectivo de traballo", afirman os xuíces do Supremo

"A pausa para fumar ou o café non se reflicte no relato fáctico que fose tempo efectivo de traballo, polo que non cabe considerar que o sistema de rexistro, neste último extremo, vulnerase o precepto que se invoca", sostén o veredicto, cunha argumentación moi semellante á previamente exposta pola AN.

Consideran tamén os maxistrados sobre os tornos de acceso ao centro de traballo implantados pola compañía que "o sistema non se destinaba antes do 26 de setembro de 2019 como sistema de control de xornada, e a tolerancia da empresa con que os traballadores saísen das instalacións a aqueles efectos non implica que o tempo investido niso fose de traballo efectivo, aínda que só sexa porque non estaba baixo un control certo".

No que atinxe á política de horas extraordinarias decretada por Galp, entende o tribunal que "só é unha manifestación da forma en que a empresa dará o seu consentimento sen que antes a súa realización quedase á vontade exclusiva do traballador".

Comentarios