Os sindicatos estatais celebran con certa cautela a nova prórroga dos ERTE

Os axentes sociais coinciden co Ministerio na necesidade de fomentar a flexibilidade interna nas empresas para evitar despedimentos.
Intervención do secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, durante o acto de sinatura do acordo para a prórroga dos ERTE (Foto: MISSMI).
photo_camera Intervención do secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, durante o acto de sinatura do acordo para a prórroga dos ERTE (Foto: MISSMI).

Os sindicatos UXT e CCOO, os ministerios de Inclusión e de Emprego e as patronais Cepyme e CEOE asinaron hoxe o acordo para a prórroga dos expedientes de regulación temporal de empresas (ERTE) até o vindeiro 30 de setembro, unha medida que foi aprobada nun Consello de Ministros extraordinario decorrido na mesma tarde. 

No acto de sinatura, as partes destacaron a transcendencia deste acordo e puxeron en valor o traballo das distintas equipas que o fixeron posíbel. Mais esa aparente sintonía ten os seus matices, como deixaron patente os líderes sindicais após coñecerse a consecución dun preacordo para prolongar os ERTE a pasada cuarta feira.

Así, o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, destacaba que os ERTE permitiron "salvar millóns de postos de traballo" durante a crise e que, grazas a este acordo, "acompañarán empresas e traballadores até o final da mesma ou polo menos até que se consolide o proceso de vacinación". Porén, apuntaba que o devandito acordo "podería terse alcanzado sen tanta dedicación de recursos públicos a través do sistema de exoneracións, que nos parecen esaxeradas para as empresas".

Pola súa banda, o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, lamentaba que o Goberno español "dilatara tanto no tempo" a presentación dunha proposta que permitise conciliar posicións, unha situación que, segundo denunciou, xerou unha "incerteza indesexada e inxustificada en centenares de miles de traballadores e nas empresas".

Figura propagandística

Na Galiza, o sindicato maioritario, a CIG, insiste en que os ERTE "non son a solución", xa que temen que acaben por traducirse en despedimentos colectivos. Como sinala a Nós Diario o seu secretario confederal de Emprego e Saúde Laboral, Fran Cartelle, na maioría dos ERTE, agás os que están motivados pola pandemia, "é o propio traballador ou traballadora o que está a gastar o seu pan". 

Na súa opinión, esta ferramenta permite ás empresas financiarse "sen ningún tipo de contrapartida" ao facela compatíbel con algunhas das prácticas que favoreceron as últimas reformas laborais, como a mobilidade funcional e xeográfica, as modificacións substanciais das condicións de traballo, as inaplicacións de convenios colectivos... "É unha figura máis propagandística que real, porque na práctica estase a recorrer a outras ferramentas para consumir os recursos das persoas, xa sexa o desemprego ou empeorando as súas condicións laborais", remarca. 

Cartelle tamén pide facer un exercicio de memoria e lembrar que antes da Covid-19 "había vida e existía unha normativa laboral nefasta para os traballadores e traballadoras", que quedaban "condenadas á eventualidade e á precariedade".

Por iso, avoga por deixar atrás o diálogo social e artellar un plan para crear emprego de calidade. Neste senso, propón empregar os recursos que temos como país en crear políticas que repercutan na economía social, como contar cunha política fiscal máis progresiva, fechar os ciclos produtivos ou ter un deseño industrial de país. "Se non, imos volver ao punto anterior", advirte o responsábel sindical.

Flexibilidade laboral

Durante a sinatura do acordo, os líderes sindicais destacaron que, por primeira vez nunha crise, a caída da economía foi moi superior á destrución de emprego grazas aos ERTE, que, segundo afirmou, "non son unha función máxica, mais serviron para socializar temporalmente os salarios e as cotizacións sociais de millóns de persoas traballadoras grazas a unha inxección de recursos públicos moi importante", dixo Sordo.

Tanto el como o seu homólogo da UXT coincidiron coa ministra de Emprego, Yolanda Díaz, en desexar que as medidas de adaptación e redución de xornada se consoliden na lexislación laboral española "para romper a vella inercia da contratación temporal e o despedimento como forma de axuste das empresas". "Non é necesario despedir a ninguén", concluíu Díaz.

Comentarios