martes 09/03/21

Profesionais do sector público mobilízanse contra a temporalidade

Convocan unha caravana para denunciar o "abuso" da Administración nas contratacións temporais.
Imaxe de arquivo dunha caravana de coches manifestándose en Compostela, ante a sede da Xunta (Foto: Arxina).
Imaxe de arquivo dunha caravana de coches manifestándose en Compostela, ante a sede da Xunta (Foto: Arxina).

As e os traballadores do sector público están chamados a participar este domingo na caravana de coches que se organizará en Compostela entre as 11 e as 12 horas.

Esta convocatoria, que terá lugar en diferentes cidades do Estado español, ten por obxectivo denunciar o "uso abusivo das contratacións temporais por parte da Administración".

"Desde hai máis de 20 anos, todas as Administracións Públicas recorren a contratos temporais para cubrir necesidades que non son provisionais e urxentes, senón permanentes e estábeis", lamentan, nun comunicado remitido aos medios.

Deste modo, o sector público incorre nun "abuso" da contratación temporal que está "prohibido por unha norma comunitaria de obrigado cumprimento, a Directiva 1999/70/CE, que segue a incumprirse impunemente".

"Neste escenario de desamparo e incerteza para milleiros de familias, que afecta principalmente a mulleres cunha media de 50 anos sen opción a incorporarse ao mercado laboral de seren cesadas, a Comisión Europea segue vixilante para decidir se demanda ao Estado español por incumprimento, mantendo abertos varios expedientes de infracción por este motivo", afirman as e os traballadores.

O persoal da Administración exixe que se intensifiquen os controis de legalidade e as inspeccións sobre as contratacións temporais e sancionar os abusos.

Piden tamén pór fin ao "despedimento libre e gratuito", paralizar as ofertas de emprego que inclúan prazas ocupadas por persoal temporal.

comentarios