Os sindicatos alíanse para protestar polo ERE no BBVA

Protesta polos despedimentos previstos no BBVA. (Foto: CIG)

As centrais de representación das e dos traballadores instan a participar a todo o persoal da entidade bancaria na Galiza. A protesta polos despedimentos e feches de sucursais está prevista para a vindeira segunda feira, 10 de maio.

Nun contexto conflitivo no que semella que os despedimentos van estar á orde do día na Galiza debido á nova reestruturación do sector bancario, as organizacións sindicais veñen de anunciar a súa alianza para rexeitar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que prepara BBVA e que no país suporía a saída de 111 traballadoras e traballadores.

A CIG -maioritaria nas oficinas da Galiza- comunicou hoxe que todas as centrais sindicais que teñen presenza na mesa de negociación coa entidade bancaria van facer unha mobilización común a vindeira segunda feira, 10 de maio.

As citas serán ás 18 horas en todo o Estado español, mais aquí as concentracións serán diante das oficinas principais do grupo na Coruña, Vigo, Ourense e Lugo.

A organización en defensa das e dos operarios insta a defender os postos de traballo ante os despedimentos “masivos que prevé a entidade”. De feito, pide a todas as persoas que secunden esta acción reivindicativa unificada para amosar o “rexeitamento unánime ao reaxuste do cadro de persoal”.

Así, hai un compromiso por “defender todos os postos de traballo e de loitar para que non se produza ningún despedimento forzoso”, pois por exemplo no país estímase que o ERE afectará de forma directa a 111 persoas (66 na Coruña, 26 en Pontevedra, 10 en Ourense e 9 en Lugo).

Non atopan sentido

Tamén implicará o incremento de tarefas para outras empregadas, unha posíbel diminución da calidade na atención á clientela e a desaparición de varias sucursais, pois fálase dunha suma de 59 en Galiza, Asturias e Castela e León.

Fontes da CIG subliñan que é “inadmisíbel que un banco coma o BBVA, que obtén miles de millóns de beneficios cada ano e que se gaba de estar á cabeza de rendibilidade, aumentando ademais as retribucións da alta dirección de xeito escandaloso, pretenda que sexamos as traballadoras e os traballadores quen paguemos a súa reestruturación con despedimentos”.

Por iso prevén aumentar “a intensidade das medidas con paros, folgas e calquera outra medida que consideremos necesaria”, dado que rexeitan as “medidas vergonzosas de reestruturación” que están sobre a mesa de negociación.