luns 06/12/21

A Federación Empresarial de Transportes de Mercancías por Carretera da Galiza (Fetram) reclama á Xunta a apertura dos servizos de restauración nos corredores do transporte do país.

"Solicitamos o acceso a un comedor, respectando as distancias e a desinfección, e ás nosas necesidades básicas de hixiene, cun mínimo de liberdade e seguridade", expresan, nun comunicado remitido aos medios este domingo.

Deste modo, lamentan o "total abandono" que está a padecer o sector por parte do Goberno galego, unha situación da que xa informou Nós Diario esta mesma semana.

"O noso confinamento nas cabinas só se soportaba con eses 45 minutos ou unha hora onde desconectar do noso traballo, sentar nunha mesa e comer un menú quente, e agora quitáronnos ese dereito", expoñen.

Así mesmo, salientan que o sector do transporte ten unha incidencia "mínima" e "apenas apreciábel" da Covid-19.

"As nosas reivindicacións son os nosos dereitos a unha saúde laboral", engaden, facendo fincapé en que moitas condutoras e condutores profesionais están a ser vítimas dunha "psicose" que os empurra a abandonar a profesión, "non só temporalmente".

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

As e os transportistas denuncian que levan unha semana "nunha total e ensombrecida soidade e inquedanza".

O sector do transporte exixe a apertura da restauración nas estradas
comentarios