A pandemia destruíu máis de 23.000 empregos na Galiza

Menos dunha terceira parte dos empregos destruídos eran de persoas asalariadas
O sector cultural galego foi dos que máis acusou a crise.
photo_camera O sector cultural galego foi dos que máis acusou a crise. (Foto: Europa Press)

Cos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) aínda en vigor, coas conseguintes limitacións para as empresas á hora de executar despedimentos, están aínda por ver os efectos que a crise do coronavirus vai deixar no mercado laboral galego. 

Polo momento, segundo un informe publicado hoxe por Adecco, o que xa se pode cuantificar é a perda de 23.100 empregos, tanto de persoas asalariadas como por conta allea (colectivo autónomo, empregadores e outros) como consecuencia da pandemia da Covid-19. Desa cantidade, menos da terceira parte corresponde a persoas asalariadas (8.100 empregos), o que dá conta dun feito xa por moitos coñecido, que as traballadoras e traballadores autónomos son os que están a levar a peor parte. 

Dentro dese colectivo, a hostalaría e o turismo son os sectores máis afectados polas restricións ás súas actividades e a falla de axudas eficaces para superar a súa difícil situación financeira. 

Así, non é de estrañar que o número de persoas empregadoras descendese 2,8% anual (1.800 empregos menos), mentres que o de autónomos sen persoal a cargo caeu 8,2% (11.800 empregos perdidos). En total, a cantidade de traballadores e traballadoras non asalariadas rexistradas na Galiza diminuíu en 15.000 persoas (6,9%), a terceira maior caída do Estado español.

Completa este triste balanzo o número de "outros" (onde se inclúen membros de cooperativas e persoas que axudan no negocio familiar sen remuneración), que tamén se viu reducido en 19,7%, con 1.400 empregos menos.

Diferenzas por sectores

Cinco das once ramas de actividade existentes mostraron un incremento interanual do emprego na Galiza. Auga e enerxía (14,7%, equivalente a 2.200 novos empregos); finanzas e seguros (14,2%; 2.500 novos postos de traballo) e, a máis distancia, construción (3,8%; 2.800 contratacións máis), rexistran as alzas máis significativas.

Porén, segundo recolle o estudo realizado por Adecco, houbo fortes retrocesos no emprego en ramas como a dos servizos culturais e outros (cunha caída de 9,9% e a perda de 8.200 empregos) e información e comunicacións, que retrocedeu 9,3%, con 2.600 despedimentos netos).

Comentarios