A CIG rexeita o informe do accidente mortal de Unai Martínez: "Non afonda nas causas estruturais e céntrase nos erros humanos"

Di que o informe presentado pola empresa após o accidente acontecido en marzo na refinaría da Coruña está "incompleto" e "non é para nada concluínte".
Asemble aberta de traballadores esta mañá ás portas da refinaría de Repsol da Coruña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Asemble aberta de traballadores ás portas da refinaría de Repsol na Coruña, após o accidente laboral que custou a vida a Unai Martínez. (Foto: Nós Diario)

A CIG vén de avanzar a través dun comunicado que non asinará o informe feito pola empresa a respecto do accidente laboral que tivo lugar na refinaría da Coruña o pasado 26 de marzo e que custou a vida dun dos traballadores, Unai Martínez.

O documento plasma as conclusións finais da investigación mais o sindicato advirte que está "incompleto" e que "non é para nada concluínte", alegando que "non afonda nas causas estruturais que provocaron o accidente e só se poñen de manifesto os erros humanos sen asumir por parte da empresa que é o que provoca esta toma de decisións".

A ollos da CIG, "queda patente a falta dun seguimento exhaustivo na formación impartida ás empresas auxiliares, descargando a maior parte dos incumprimentos sobre o persoal delas". Martínez traballaba para unha desas auxiliares.

Poñen o foco, aliás, na redución do cadro de persoal nesta factoría, que "agrava, cada día que pasa, os problemas que veñen derivados da falta do persoal necesario para levar a cabo e dar cobertura a todos os traballos que xorden en períodos punta, como pode ser o caso dunha parada dunha unidade".

A CIG insiste en reclamar unha mudanza no protocolo de avisos ao 061 ou, en caso contrario, "unha dotación que estea dispoñíbel as 24 horas do día", así como a "dotación dos recursos suficientes para atender de maneira eficaz e rápida nos primeiros momentos dun accidente".

 

O accidente

Unai Martínez, ao igual que outro compañeiro que tamén resultou ferido, traballaba para unha empresa auxiliar, Nervión Industrias, S.L. No momento do accidente participaban en tarefas de mantemento nunha das unidades de conversión da refinaría. O accidente atribuíuse a un escape de gas.

Após este suceso, traballadores das 'contratas' da refinaría que opera Repsol na Coruña convocaron un paro, que foi levantado o 4 de abril, e realizaron numerosos actos de protesta.

Comentarios