A reforma das pensións golpea na mocidade

O ministro de Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, chegou a afirmar esta semana que o atraso na idade de xubilación favorecería a incorporación da xente nova ao mercado laboral, un argumento que, segundo diversos colectivos, é totalmente contrario á realidade que debuxa esta medida.
Os incentivos ao atraso da xubilación limitan aínda máis as oportunidades da xente máis nova de acceder ao mercado laboral (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera Os incentivos ao atraso da xubilación limitan aínda máis as oportunidades da xente máis nova de acceder ao mercado laboral (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

As medidas anunciadas esta semana polo ministro de Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, sobre as pensións non deixaron indiferente a ninguén. Se ben as persoas que están próximas á súa xubilación son as máis preocupadas polos cambios que poida haber nesta materia, a xente nova tamén mira con preocupación os cambios que se aveciñan no caso de que prospere a proposta do Goberno estatal. 

Os incentivos ao atraso á xubilación e as penalizacións ao retiro antes da idade legal foron dúas das medidas anticipadas por Escrivá para actualizar o sistema actual. A pesar de que o ministro chegou a sinalar que unha maior participación dos maiores "non dana, senón que aumenta as oportunidades de emprego da xente nova", son moitos os colectivos que desmontan esta afirmación.

O seu socio de Goberno, Unidas Podemos, non só rexeitou os seus argumentos, senón que propuxo darlle a volta á súa medida estrela, a de bonificar con 12.000 euros as xubilación das persoas que decidan alargar a súa vida laboral. A deputada do grupo confederal e portavoz de En Comú Podem, Aina Vidal, suxeriu empregar eses cartos en fomentar contratos relevo que permitan á xente nova incorporarse ao mercado laboral, máxime nunha situación de paro "absolutamente desbocada".

Tamén lle inquieta que miles de cidadáns teñan que alongar a súa estancia no mercado laboral non porque lles apeteza, senón por "non ter outra opción" ao quedarlles unha pensión insuficiente. 

Menos postos vacantes

Na mesma liña, o economista e sindicalista Xabier Pérez Dávila indicaba hai uns días a Nós Diario que a situación do mercado laboral galego, marcado pola alta temporalidade e os contratos parciais, "non se vai solucionar coa reforma das pensións". Mais ben ao contrario, xa que "se se atrasa a idade de xubilación van tardar máis en quedar libres postos de traballo, sobre todo os de mellores condicións", argumentaba.

Para Gonzalo Balo, presidente do Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (Modepen), o ministro Escrivá "terá que explicalo moito", xa que o seu razoamento "non o entende ninguén".

"Se o que estás a facer é aumentar a idade da xente que está a traballar e, ao mesmo tempo, incrementas os ingresos desas persoas a cargo dos orzamentos con esa axuda, loxicamente estanse a detraer cartos do erario público e a impedir que a xuventude se incorpore a eses postos de traballo", argumenta Balo, quen insiste en que a pretensión do Goberno español "contradise coa realidade".

Se o que de verdade procura é incentivar a incorporación da xente moza ao mercado laboral, para o presidente de Modepen o primeiro que habería que facer é manter a idade de xubilación nos 65 anos, "como estaba até agora", unha medida que habería que complementar con outras políticas de promoción de emprego. 

Con todo, Gonzalo Balo recoñece a Nós Diario que as que teñen que xerar eses empregos son realmente sa empresas. Tamén o sector público que, como denuncia "están acabando con el". "Era un nicho de emprego de calidade con dereitos para as persoas traballadoras. Agora estanse a privatizar unha serie de servizos que o único que fan é precarizar o emprego e incluso diminuír os postos de traballo", lamenta.

Precarización do público

Esa precarización do público é, ao seu entender, a estratexia que segue o Goberno español en materia de pensións co obxectivo de que a xente aposte en plans de pensións privados

Mais esta viraxe tamén prexudica a xente moza. "Que traballador hoxe por hoxe pode apartar unha cantidade para facer un mínimo depósito para un sistema privado de pensións?", pregúntase Balo, que lembra que cos salarios actuais "a moita xente non lles dá para sobrevivir", como demostra o feito de que nas colas dos bancos de alimentos haxa persoas con traballos de oito horas que acoden alí "para complementar o que o traballo non lles dá". 

"Por dicilo suave, é un crime o que se está a facer cos traballadores e traballadoras", apunta o presidente de Modepen, que advirte de que a proposta do Ministerio "fomenta cada vez máis a diferenza entre traballadores", xa que vai haber unha elite cuns empregos estábeis e uns bos salarios que poderán pagar un fondo de pensións e alargar a súa vida laboral por tratarse de postos "con pouco desgaste", mentres que outras persoas "van ter que marchar antes cunha incapacidade porque é imposíbel manter os ritmos que levan". 

Comentarios