Sanidade pública

Un empresario "á fuga", unha concesionaria "en bancarrota" e o persoal en vilo: o drama de Ambulancias do Atlántico

A representación sindical logra o "compromiso" do Sergas para que se lle retiren todos as contratos públicos á compañía de Carlos Simón, que se atopa "ilocalizábel" mentres o persoal acumula meses de atrasos e a viabilidade do servizo fica no ar.
Pintadas nunha ambulancia contra o propietario da compañía, Carlos Simón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pintadas nunha ambulancia contra o propietario da compañía, Carlos Simón. (Foto: Nós Diario)

Medra a incerteza mentres se precipitan os acontecementos no servizo de Ambulancias de Vigo, Cangas e Moaña. O Sergas e o 061 solicitaron un adianto da reunión prevista para a vindeira segunda feira, que finalmente decorreu esta pasada sexta, entre representantes dos sindicatos CIG, CCOO e USO e a cúpula de dirección da Fundación Pública xunto con altos cargos da Consellaría de Sanidade. Nesta reunión, a representación sindical expuxo a "gravísima situación actual" dunha empresa con 260 traballadores que "entrou en bancarrota" despois de abonar tan só unha parte dos salarios adebedados ao persoal.

A día de hoxe, salienta a representación sindical, as contas da empresa Ambulancias do Atlántico, a concesionaria, atópanse "practicamente a cero". Por este motivo, denuncian que está "interrompido o subministro de osíxeno medicinal" empregado no tratamento de pacientes durante a súa asistencia e traslado.

Ademais, afirman que desde a empresa trasladaron que non se pode abastecer combustíbel para as ambulancias debido a que "todas as gasolineiras da comarca retiraron o crédito" ao propietario da empresa, Carlos Simón. Por este motivo, a previsión máis optimista é que a mediados de semana o servizo de ambulancias urxente e programado quede "paralizado por completo".

Desde a Consellaría comprometéronse coa representación sindical a retirar todos os contratos públicos a Ambulancias do Atlántico. Así, pretenden executar os avais depositados pola empresa e reter os pagamentos para que ese diñeiro se poida empregar no abono de salarios ao persoal traballador, xa que aínda non se pagou a totalidade das nóminas e periga a cobranza de salarios nos vindeiros meses.

Responsábeis da Administración expuxeron a súa "fonda preocupación e solidariedade" co persoal afectado e recoñeceron tamén a "gravidade" da situación perante a posibilidade de que "non se pode garantir o pagamento de salarios" nos vindeiros meses, advirten os sindicatos, afectando un total de 260 familias das comarcas de Vigo e O Morrazo.

Concorrida asemblea

Na noite mesma da sexta feira decorreu unha asemblea convocada polas centrais sindicais de CIG, CCOO e USO á que asistiron máis dun cento de persoas. Os responsábeis sindicais amosáronse escépticos a respecto de que a lexislación permita á Administración retirarlle a Ambulancias do Atlántico os contratos públicos sen incorrer nun delito de prevaricación. Ademais, son "conscientes" de que o Sergas non pode abonar directamente ao persoal sanitario os cartos retidos, polo que tería que facerse a través da asignación do servizo a unha nova empresa de ambulancias.

Debido a que a Consellaría e o 061 "non poden aclarar aínda cal vai ser a solución nin estabelecer prazos concretos para o abono das débedas, nin garantir o pago das nóminas de abril", a asemblea decidiu por unanimidade a convocatoria de folga e mobilizacións que se estenderán a todas as empresas da Galiza.

A vindeira cuarta feira está convocada unha nova reunión con responsábeis do Sergas e o 061 para tratar de afondar nunha proposta "máis concreta" de solución a esta crise, na que altos cargos da Administración coinciden en que se trata da situación "máis grave e complexa" á que a Consellaría de Sanidade se enfrontou xamais.

"Reaparición e nova desaparición" de Carlos Simón

Segundo apuntan os sindicatos, o empresario Carlos Simón García, propietario da concesionaria, "reapareceu por sorpresa" a pasada cuarta feira nas instalacións que Ambulancias do Atlántico ten en Mos (comarca de Vigo). Fíxoo para se reunir con responsábeis da Volta Ciclista España, coa que ten contratado o servizo de asistencia dos ciclistas participantes, afirman.

"Unha vez rematada a reunión, da que se descoñece o seu contido, o empresario volveu desaparecer. Desta vez, ademais de estar ilocalizábel para o Sergas, o 061, a Inspección de Traballo e a federación de empresarios á que pertence, tampouco lle collía o teléfono ao propio persoal da empresa nin á súa familia. Este último feito provocou que o seu irmán, e tamén empresario de ambulancias Óscar Simón, puxese, segundo el mesmo comunicou ao persoal da empresa, unha denuncia por desaparición do seu familiar", sinalan.

Compre salientar que Óscar Simón García está a ser investigado desde marzo de 2023 polos Mossos d'Esquadra e a Guardia Civil no marco dunha operación anticorrupción nas ambulancias catalás, coa compañía Egara, por unha suposta alteración da licitación pública en Catalunya.

"Finalmente, na tarde da sexta feira e previa á celebración da asemblea, representantes sindicais recibiron unha chamada dende o móbil de Carlos Simón. Ao outro lado do teléfono falaba unha persoa que se indentificou como 'José Luís', explicando que era un amigo íntimo de Simón e tamén empresario. Durante a conversa mantida relatou que Carlos Simón aparecera en Terrassa (Barcelona), desde Vigo, completamente desorientado e confundido, ser lembrar nada do que fixera nos últimos días e que incluso tivera que recibir asistencia nun centro sanitario", apuntan os sindicatos.

Os representantes sindicais consideran que todo se trata dunha "estratexia desesperada para gañar tempo". "Asociarse con outros empresarios que lle poidan dar unha certa inxección económica e sobre todo, para poder contar cun pretexto ridículo que lle permita eximirse de responsabilidade polo caos no que ten sumida a empresa Ambulancias do Atlántico", din.

Mobilizacións durante a Volta Ciclista

A pesar de que Ambulancias do Atlántico conta, entre outros, con varios "contratos millonarios" coa Administración pública, a adxudicación do servizo sanitario da Volta Ciclista a España e a concesión do servido para seguro de saúde Adeslas, "segue a ser un misterio onde están os cartos que recibe", censura o persoal.

Por este motivo a representación sindical de CIG, CCOO e USO decidiu estudar a posibilidade de incluír, dentro do calendario previsto mobilizacións durante a celebración da Volta Ciclista a España ao seu paso pola Galiza se o conflito non se resolve antes do verán. Ademais, poranse en contacto nos vindeiros días con responsables de Adeslas para explicarlle a situación e comunicarlle a convocatoria de folga na empresa, igual que fixeron coa Consellaría de Sanidade.

Comentarios