Educación

Profesorado do ensino público, en folga polos seus dereitos

Profesorado do ensino público da Galiza maniféstase hoxe en Compostela por "dignidade e coherencia". "Pola defensa dos nosos dereitos", recalca o persoal docente chamado á folga este 24 de outubro. Reivindican melloras que contribúan a incrementar a calidade educativa.
Mobilización, convocada pola CIG, de profesorado do ensino publico (Foto: Arxina).
photo_camera Mobilización, convocada pola CIG, de profesorado do ensino publico (Foto: Arxina).

As medidas que incorpora o acordo asinado pola Consellaría de Educación e os sindicatos CCOO, ANPE e UXT "son totalmente insuficientes, cando non directamente insultantes", recolle no seu arranque o comunicado conxunto da CIG Ensino, STEG e CSIF Ensino chamando á folga o profesorado do ensino público, que non renuncia á recuperación íntegra dos seus dereitos.

Antía Ínsua é docente substituta. A súa última experiencia rematou hai menos dunha semana nun ciclo de FP Básica "que por norma ten unha ratio de 30 estudantes por aula". Esa cota máxima, afirma, "é insostíbel, máis se temos en conta as problemáticas do alumnado nesta etapa, onde requiren unha atención individualizada, outros tempos e dinámicas que non se corresponden co currículo... Para que o ensino sexa verdadeiramente de calidade teñen que mudar as ratios", defende.

Ínsua vai á folga, tamén para defender os dereitos do profesorado substituto. "Somos o persoal máis precario de todo colectivo, sempre a disposición da Consellaría, co teléfono na man para mudar de vida en menos de 24 horas con total incerteza".

Burocracia

Ás razóns desta docente súmanse as de Xoán Bautista, profesor de Francés, na ESO, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro (O Sar): "Levo 25 anos no ensino público da Galiza. Desde 2012 pasei de dar 18 horas lectivas de francés a 20 nas que as horas da miña especialidade minguaron para asumir outras afíns: cultura clásica, proxecto competencial, educación dixital, latín, ademais de xestión da biblioteca. E pasei de manexar unha plataforma a manexar tres".

Ademais de atender a docencia, Bautista é titor, ten que ter ao día a programación, as faltas de asistencia e a redacción dos informes que require a posta en marcha de protocolos específicos para alumnado con necesidade de apoio educativo. "Hoxe vou estar en folga porque a Xunta non dota de persoal especialista os centros, cando o hai e moi bo".

As reivindicación do profesorado non son alleas ao persoal de orientación, que tamén reclama redución de ratios e de burocracia, ademais de equipos reforzados. "A redución de horas de clase permitiría gañar un tempo moi valioso de coordinación cos docentes, para falar e compartir experiencias", afirma a Nós Diario Irma Álvarez, xefa do departamento do IES Politécnico de Vigo.

A orientadora destaca o incremento de estudantes migrantes ou con necesidades especiais, cuxa atención sería "máis adecuada cunha ratio menor". "Ademais temos que facernos cargo da atención á diversidade, á orientación vocacional, á acción titorial; da posta en marcha de protocolos de prevención do suicidio, de acoso escolar, de dislexia... Estamos sobrepasadas, cun orientador por centro ou dúas, como no noso caso, para 1.400 alumnos e alumnas cando a ratio debera ser de unha para 250".

Mobilización

A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, convoca hoxe unha xornada de paro e mobilizacións con STEG e CSIF-Ensino ademais da CUT, que onte criticou un acordo que "non reflicte a vontade do profesorado galego". A manifestación polas rúas de Compostela partirá ás 12 horas da praza de Cervantes.


Persoal das escolas infantís de 0 a 3 anos parará mañá

As traballadoras e traballadores das escolas infantís privadas e de xestión indirecta de 0 a 3 anos volverán mañá á folga en resposta ao bloqueo da patronal á negociación do convenio colectivo. As organizacións sindicais convocantes, CIG-Ensino, CCOO e SNEP, censuran o inmobilismo das patronais, insensíbeis, din, ás demandas das traballadoras desde hai máis dun ano. Desde o inicio das negociacións do convenio colectivo "non souberon estar á altura" nin dar resposta ás necesidades do sector, segundo din, "un dos máis precarizados do noso país".

Os sindicatos reivindican un acordo que permita recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, "acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas". Como na primeira das catro xornadas de paro convocadas, –19 e 25 de outubro máis 8 e 15 de novembro–, o persoal mobilizarase nas cidades de Vigo e A Coruña.

A primeira marcha sairá ás 11.30 horas da praza de Pontevedra da cidade herculina até o Obelisco e "de non rectificar o Concello os abusivos servizos mínimos decretados", a protesta continuará até María de Pita. En Vigo, a mobilización será ás 12. Partirá do Marco para finalizar na Porta do Sol.

Comentarios