A porcentaxe de oficinas bancarias na Galiza sitúase á cola do Estado español

O proceso de exclusión financeira séntese na Galiza. Tanto é así que o país se sitúa á cola do Estado en número de sucursais bancarias por habitante, após perder 1.513 oficinas desde a anualidade de 2008 e en número de traballadoras e traballadores por oficina. 
Protesta diante das oficinas de Abanca na Coruña polo fechamento de sucursais bancarias nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Protesta diante das oficinas de Abanca na Coruña polo fechamento de sucursais bancarias nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

Galiza atópase á cola do Estado en oficinas bancarias por habitantes. Segundo os datos ofrecidos polo Boletín Estatístico do Banco de España para setembro de 2022, último mes con cifras, o país contaba con 3,8 sucursais de entidades de crédito por cada 100.000 habitantes, unha cifra 0,9 puntos inferior á media estatal, situada en 4,7 sucursais por cada 100.000 habitantes. Neste sentido, confírmase que o proceso de exclusión financeira é máis intenso na Galiza que no conxunto estatal.

O estudo sobre densidade financeira no espazo comunitario elaborado polo Banco Central Europeo (BCE) para 2021 certifica que o proceso de reconversión bancaria na Unión Europea foi menos duro que na Galiza. Así, a Eurozona rexistra de media 3,9 sucursais bancarias por cada 100.000 habitantes, Francia 4,8 sucursais bancarias por cada 100.000 habitantes, Italia 4 sucursais bancarias por cada 100.000 habitantes, presentando Portugal unhas cifras análogas a Galiza.

Ao tempo, o país perdeu desde 2008 o 59,6% das súas oficinas bancarias, 40 puntos máis que a media comunitaria, situada en 19,6%.

Un total de 1.513 sucursais bancarias botaron o fechamento na Galiza desde 2008. Segundo os datos do Banco de España, nesa anualidade mantíñanse abertas 2.539 oficinas, concentrando 997 as comarcas coruñesas, 336 as luguesas, 376 as ourensás e 830 as pontevedresas. Nese período, o groso dos fechamentos concentráronse nos ámbitos rurais e vilegos pero tamén nos barrios periféricos das urbes. As entidades sindicais denunciaran o marcado carácter de clase destas decisións.

O panorama actual é diferente. Así, os últimos datos do regulador bancario, referidos a setembro de 2022, certifican a existencia de 1.026 sucursais operativas na Galiza, coas comarcas coruñesas rexistrando 413, as luguesas 165, as ourensás 139 e as pontevedresas 309. Asemade, esta tendencia acelerouse no caso das principais entidades asentadas no país en cota de mercado.

Fechacancelas en persoal

Por outra parte, as oficinas bancarias da Galiza sitúanse á cola do Estado e da Unión Europea en persoal. Nesta dirección, as cifras achegadas polo anuario estatístico de 2021 da Asociación Española da Banca (AEB) indican que nese ano ocupábanse nas sucursais galegas 2.692 persoas, o que significaba 2,62 empregados por oficina. Ademais, representaban 859 traballadores menos que en 2019, na liña de aceleración do proceso de reconversión bancaria en base a fusións reclamado pola autoridade monetaria europea. 

A Galiza conta así con 5 empregados menos por oficina que a media estatal e 12,7 menos que a media comunitaria; 8,8 menos que a media francesa; 9 menos que a media italiana; 10,2 menos que a media portuguesa; 17,5 menos que a media belga e 19,1 menos que a media alemá. Este déficit de persoal nas sucursais de crédito xera unha redución sistemática dos servizos ás persoas usuarias e un incremento dos custos dos mesmos mediante o pago de comisións de diverso tipo.

As cúpulas directivas das entidades de crédito con actividade na Galiza presentan como inevitábeis os axustes na súa rede comercial e no seu cadro de persoal. A este respecto, argumentan que responden á dixitalización, á aparición de novos competidores que empregan plataformas tecnolóxicas para chegar aos clientes e á caída da rendibilidade como consecuencia dos tipos de xuro tan baixos dos exercicios pasados.

Unha comparativa da realidade do mercado financeiro galego co da Unión Europea desmente as explicacións ofrecidas polos propietarios das entidades de crédito. Así, o xornalista económico Javier Ruiz explica que "os despidos non só se explican por un novo entorno global, senón que son froito dunha política deliberada das cúpulas bancarias, que decidiron reducir os seus cadros de persoal á custa de deteriorar de modo notábel o servizo aos seus clientes".

Comentarios