domingo 09/08/20

Endesa solicita o peche da central das Pontes

A empresa asegura nun comunicado que garante os postos de traballo e propón substituír os 1.468 Mw térmicos da central por 1.505 de renovábeis.

Central Térmica das Pontes
Central Térmica das Pontes

Endesa tomou a decisión máis difícil e menos agardada. A empresa presentou esta sexta feira a solicitude formal de peche das centrais térmicas de carbón importado nas Pontes e Carboneras (Almería) pola "ausencia de perspectivas de mellora no futuro" das plantas após considerar negativa "a profunda modificación" das condicións de mercado, cun incremento substancial no prezo dos dereitos de CO2 e a grande caída do prezo do gas.

A empresa explica esta decisión nun comunicado no que asegura “garantir” o posto de traballo do persoal, 174 ns Pontes e 113 de Carboneras, a través dun proceso de recolocación, medidas formativas e participación no desmantelamento.

A tramitación do peche desenvolverase durante os vindeiros 18 meses e nese período Endesa consumirá o carbón almacenado que suma unhas 880.000 toneladas.

Novas propostas

Endesa propón, nos plans de acompañamento presentados para cada emprazamento, substituír o peche destas dúas centrais co desenvolvemento de proxectos renovábeis por máis de 3.000 Mw cunhas inversións totais de case 2.800 millóns de euros.

A compañía indica no comunicado que as alternativas de funcionamento das plantas co emprego de biomasa non resultaron satisfactorias

A enerxética propón substituír na Galiza os 1.468 Mw térmicos da central por 1.505 Mw renovábeis entre 2020 e 2026, cunha inversión duns 1.580 millóns de euros e xerar uns 1.250 empregos directos de media anual nos seis anos da fase de construción e 125 na de operación e mantemento.

A compañía indica no comunicado que as alternativas de funcionamento das plantas co emprego de biomasa non resultaron satisfactorias, nin desde o punto de vista técnico e medioambiental nin económico.

Desmantelamento

O desmantelamento das instalacións das Pontes podería durar catro anos e xeraría 130 empregos directos. Para realizar estes traballos Endesa afirma que "dará prioridade á contratación de persoas do entorno" en relación ás empresas auxiliares.

Endesa resérvase o dereito de desestimar esta petición caso de que, como consecuencia das probas adicionais de combustión en ambas centrais nos vindeiros meses, puideran variar os resultados e garantir a viabilidade das plantas.

comentarios