Persoal de Ryanair irá á folga fronte ao ERE en Compostela

Cualifican de "obscenidade" a proposta da firma.
Protesta do persoal de Ryanair en Compostela contra o ERE. (Foto: Nós Diario)
Protesta do persoal de Ryanair en Compostela contra o ERE. (Foto: Nós Diario)

Persoal do aeroporto Rosalía de Castro mobilizouse esta cuarta feira na terminal de pasaxeiros para rexeitar o ERE que suporá o despido da practica totalidade do cadro de persoal de Azul Handling, a empresa de asistencia en terra auxiliar de Ryanair. Na protesta participaron tamén empregados do resto de empresas do aeroporto (hostalaría, aluguer de vehículos ou aparcamento), que ven "ameazados" os seus postos de traballo e as súas condicións laborais polo "efecto arrastre" do anuncio da aeroliña irlandesa.

A CIG e UXT rexistraron unha convocatoria de folga para o vindeiro 20 de outubro, tanto na empresa de asistencia en terra como no conxunto do aeroporto, que será parcial no aparcadoiro e alugueiro de coches, entre as 12 a as 15 horas.

As malas novas chegaban o pasado 3 de setembro por parte da operadora low cost irlandesa. Ryanair decidía fechar a súa base en Compostela e deixar de operar na terminal de Vigo, o que desencadeou a decisión de Azul Handling, que suporá en Santiago o "despedimento" de 79 persoas e a redución de xornada para outras seis. Desta maneira, "o cadro de persoal pasará de 85 a 20 traballadores", denunciou o persoal afectado, que considera que é "un ERE en fraude de lei", xa que Azul Handling sostén que Ryanair "é cliente, e que ao marchar queda sen traballo".

Pola contra, o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso, manifestou entender "que forman parte dun grupo de empresas e polo tanto non é unha causa externa a Azul Handling, senón unha decisión empresarial coa que se pretende empurrar ás administracións públicas para que a sigan subvencionando".

Sen información

O comité de empresa denunciou tamén que a empresa "négase a ofrecer información sobre os seus resultados económicos alegando causas organizativas, técnicas e de produción". Porén, segundo a revista Forbes, Ryanair duplicou beneficios no primeiro trimestre de 2025 impulsado polo aumento de tarifas e tráficos. Entre abril e xuño de 2025 tivo un beneficio neto de 820 millóns de euros, cun incremento de 128%. Con estes datos, Alonso considera a situación "unha auténtica obscenidade" duns "mil millonarios que queren ser cada vez máis ricos a conta de explotar ás persoas traballadoras e de chantaxear un país".

Comentarios