Ryanair recortará 1,2 millones de plazas en aeropuertos estatais no próximo verán: a decisión xera incerteza nas terminais galegas
Ryanair recortou 1,2 millóns de asentos ofertados en aeroportos do Estado español, segundo afirma a compañía, en protesta polas "altas taxas" que Aena mantén nestas instalacións, o que suporá a supresión total dos voos con orixe ou destino no aeroporto de Asturias.
Estas 1,2 millóns de prazas súmanse ás 800.000 que xa eliminou o verán pasado nestes aeroportos e ao millón que quitou para esta tempada de inverno, alcanzando a disolución de 3 millóns de asentos en aeroportos estatais entre 2025 e 2026.
Aínda que a compañía non explicou que aeroportos estatais sufrirán máis recortes, a supresión de voos no inverno en Vigo e o fechamento da base da multinacional en Santiago de Compostela sementa o medo de que esta nova decisión poida afondar nos problemas presentes.
Ademais, a compañía xa deixara tamén de operar para este inverno nos aeroportos de Xerez da Fronteira, Valladolid, e Tenerife Norte, ao que agora se suma, á espera de novos anuncios, o aeroporto asturiano. Con todo, a compañía aumentará os asentos ofertados en 600.000 noutros grandes aeroportos estatais como Madrid, Barcelona, Palma ou Málaga.
O conselleiro delegado do grupo Ryanair, Michael O'Leary, indicou en rolda de prensa que a compañía segue apostando por crecer no Estado español, pero só en determinados aeroportos grandes polos que apostará a firma, segundo sinala, debido as políticas económicas do Goberno español e de Aena.
Neste sentido, o directivo reprocha ao Goberno español rexeitar os dous plans de crecemento presentados pola compañía que supoñían un crecemento de 40% no seu tráfico até 2030, até os 77 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras ao ano.
Con todo, sinala Ryanair, o Goberno español decidiu "ignorar as propostas, aumentar as taxa aeroportuarias e sacrificar o crecemento potencial e a creación de emprego". Desta maneira, semella e que gran aeroliña intenta aproveitar a súa posición de mercado para marcar a política impositiva do Estado español. Desde o Executivo estatal confían en que outras compañías cubrirán a demanda.

