O metal maniféstase na Coruña en demanda dun convenio digno

A CIG denuncia "manobras da patronal" para dilatar as negociacións e manter conxeladas as condicións do persoal
Unha imaxe da manifestación desta mañá.
photo_camera Unha imaxe da manifestación desta mañá.

Máis dun milleiro de traballadores e traballadoras do metal da provincia da Coruña manifestáronse este sábado polas rúas da cidade herculina en demanda dun convenio digno para o sector, cuxa negociación leva dous anos estancada. A marcha, convocada pola CIG-Industria, saíu da Praza de Vigo e rematou diante da sede da patronal coruñesa, onde dous traballadores deron lectura a un manifesto reivindicativo.

Con esta mobilización, a CIG-Industria quere denunciar “as manobras da patronal para dilatar indefinidamente as negociacións e manter así conxeladas as condicións laborais e salariais do persoal que cada día que pasa se empobrece máis e máis". Desde o sindicato sinalan que a patronal tamén puña como pretexto para estender as negociacións a inminente aprobación da nova reforma laboral e os cambios normativos que podía traer esta consigo.

A CIG xa ten convocadas mobilizacións en todas as comarcas para o domingo 30 de xaneiro, en rexeitamento a esta reforma e para esixir a derrogación íntegra e real das reformas impostas dende o ano 2010.  

Porén, segundo a CIG, "a cacarexada derrogación reforma laboral non foi tal e o texto aprobado polo goberno español é unha nova contrarreforma laboral que non permite a recuperación dos dereitos roubados, nin supón ningún avance para os traballadores e traballadoras do metal, nin para o conxunto da clase obreira".

Por este motivo, a CIG xa ten convocadas mobilizacións en todas as comarcas para o domingo 30 de xaneiro, en rexeitamento a esta reforma e para esixir a derrogación íntegra e real das reformas impostas dende o ano 2010.  

A CIG denuncia que, na reunión do pasado xoves, a patronal do metal, intentou bloquear as reunións da mesa do convenio

Negociación do sector

A CIG denuncia que, na reunión do pasado xoves, a patronal do metal, intentou bloquear as reunións da mesa do convenio, “facendo unha interpretación malintencionada e trapalleira” da reforma, e, segundo o sindicato, “querendo precipitar unha mediación e frear así as mobilizacións do sector”.

O sindicato demanda que se recollan unha serie de medidas destinadas a reducir “a precariedade instalada neste sector, a comezar polo recoñecemento do dereito á subrogación para todo o persoal”. O sindicato tamén exixe que o convenio colectivo recolla limitacións á contratación a través de ETT e restricións para a subcontratación, “xa que estas dúas vías son utilizadas polas empresas para precarizar as condicións laborais e salariais e incrementar os beneficios a conta de explotar os traballadores e traballadoras”.

Xunto a isto, reivindícase o acceso ao cobro do plus de perigosidade, toxicidade e penosidade para todo o persoal, poñer freo aos abusos das mutuas, recuperar a cláusula de revisión salarial con efectos de 1 de xaneiro e non polo sistema de cruce imposto pola patronal, reducir a xornada máxima anual, igualar os permisos retribuídos por cosanguinidade e afinade, e a creación dun complemento salarial digno para o persoal que ten que desprazarse ao estranxeiro.

"Merecemos un convenio digno e non podemos agardar máis”, declaran desde a CIG-Industria. “Temos que poñer fin a esta situación e non podemos facelo sen saír a rúa para defender o noso convenio, é por iso que desde esta manifestación de hoxe, facemos unha vez máis un chamamento ao conxunto á unidade dos traballadores e traballadoras do metal, e as centrais sindicais a sumarse á vía da mobilización e acordar un calendario de accións conxuntas para poñer fin a esta parálise que só beneficia á patronal", concluíron.

Comentarios