Persoal investigador sanitario urxe a súa integración no emprego público

Traballadoras das fundacións sanitarias da Galiza reclaman maior calidade e estabilidade no emprego.
Persoal de investigación.
photo_camera Persoal de investigación.

A CIG-Saúde e os comités de empresa da Fundación Biomédica Galiza Sur (FBGS) e da Fundación Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS) denunciaron o "inmobilismo e falta de información" por parte da Xunta de Galiza sobre o futuro do seu persoal investigador.

O sindicato e as representantes das traballadoras rexistraron a solicitude formal de avances en materias clave para a calidade e estabilidade do emprego.
Segundo informa a CIG-Saúde nun comunicado remitido aos medios, "desde que a Xunta anunciara a integración do persoal de investigación sanitaria como empregado público, non houbo ningún tipo de movemento nin información, máis alá de limitar a súa actualización salarial impedíndolles aplicar a suba do IPC como o seu propio convenio indica".

A este respecto, a CIG-Saúde e os comités de empresa solicitaron a relación de persoal afectado e o vínculo co que se integrarían na Administración pública, porén, denuncian, "a día de hoxe seguimos sen resposta".

Tampouco se produciron melloras no ámbito da estabilidade laboral. O persoal científico soporta "desde hai tempo unha incerteza sobre o seu futuro que, co paso á Administración pública, esta debe solucionar chegando a un acordo coas súas e os seus representantes".

Demandas

Á espera de solución concretas, persoal da investigación sanitaria vén de solicitar unha mediación para acordar a aplicación do IPC na súa actualización salarial, a constitución dunha mesa de negociación dun convenio único para todas as fundacións dependentes da Consellaría de Sanidade (Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galiza Sur, Fundación Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica) e a convocatoria dunha mesa de persoal, onde se trate a súa integración no emprego público e o seu proceso de estabilización.

Comentarios