O persoal de Correos esixe na rúa que se garanta o servizo postal diario

Traballadores e traballadoras do servizo marcharon en Compostela contra os recortes de persoal -malia ser a única empresa pública con beneficios- que poñen en perigo o servizo, con especial incidencia no rural. 

correos (Foto-CGT A Coruña)
photo_camera Marcha en Compostela (Foto: CGT)


“Co persoal actual é totalmente imposible e cada día quedan cartas sen repartir”. Traballadores e traballadoras de Correos marcharon este sábado polas rúas de Santiago de Compostela para esixir que se garanta a repartición diaria de correspondencia. 

Os representantes dos sindicatos CIG e CGT pediron que a empresa pública contrate o “persoal necesario” despois de continuos recortes e da falta de substitucións “para cubrir baixas, vacacións ou calquera tipo de eventualidade”. A manifestación partiu da Porta do Camiño baixo o lema ‘Sen carteiros non hai Correos’ e rematou fronte á oficina de Correos na rúa do Franco.

Aseguran que está a incumprir a súa obriga de “repartir diariamente, cinco veces por semana, a correspondencia en todo o Estado español”, segundo recolle Europa Press. Consideran que “o fin último é deixar de prestar o servizo diariamente e pasar a facelo cada tres días”, criticaron as forzas sindicais. 

Recordaron que Correos “é a única empresa pública que tivo beneficios no últimos exercicio coñecido”. En 2013, os beneficios foron de 48 millóns de euros. “Entendemos que non hai ningunha escusa para que contrate á xente necesaria para prestar un servizo postal universal”, apuntaron, para advertir de que “é o último roubo dun servizo público, que prevén privatizar”.

Desde o ano 2009, até 15.000 persoas resultaron despedidas dun cadro de persoal de 60.000. O secretario de CGT, Xan Xove, apuntou que se trata dun "ERE encuberto". 

Unha situación que prexudica de forma especial ás zonas rurais. “A perda do servizo postal no rural é un drama tremendo porque se ninguén ten a obriga de levalo desde un servizo público, moi dificilmente o fará unha empresa privada”, manifestou o representante da CIG, Anxo Álvarez. Puxo como exemplo que o repartimento no rural de Compostela recae sobre nove persoas cando hai uns anos eran 14.

Comentarios