Persoal de Ambulancias Civera féchase nun hospital para exixir o pagamento do seu soldo

Coa acción reivindicativa pretendían tamén reclamar unha xuntanza co xerente da área sanitaria, José Flores, que os recibiu e se comprometeu a dirixirse ao empresario para que salde a débeda de modo inmediato.
Persoal durante a protesta (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal durante a protesta (Foto: Nós Diario).

O cadro de persoal de Ambulancias Civera, concesionaria do transporte sanitario programado e dos traslados intrahospitalarios nas áreas de Pontevedra e do Salnés, fechouse hoxe no hospital Montecelo para reclamar o pago íntegro do soldo de decembro, xa que a compañía unicamente lle abonou unha parte.

Persoal durante a protesta (Foto: Nós Diario).
Persoal durante a protesta (Foto: Nós Diario).

Coa acción reivindicativa pretendían tamén reclamar unha xuntanza co xerente da área sanitaria, José Flores, que os recibiu e se comprometeu a dirixirse ao empresario para que salde a débeda de modo inmediato.

A protesta das traballadoras e dos traballadores de Ambulancias Civera, na cal participou o secretario comarcal da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil e Telecomunicacións da Confederación Intersindical Galega (FGAMT-CIG) de Pontevedra, Xavier Aboi, deu comezo ás 10 horas cunha concentración no exterior de Montecelo e co posterior acceso ao centro hospitalario, en cuxo interior permaneceron concentrados ás portas do despacho da xerencia.

Por volta das 12 horas foron recibidos por Flores, que neses momentos non se atopaba no hospital.

O máximo responsábel da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés comprometeuse a dirixirse ao empresario para que proceda a saldar a débeda contraída co cadro de persoal de modo inmediato, xa que o impagamento dos salarios constitúe un incumprimento moi grave dos pregos de condicións do concurso de adxudicación do servizo.

O xerente quedou en comunicarlle posteriormente ás persoas afectadas a resposta da empresa.

O contido da reunión con Flores, na cal participaron os cinco delegados/as do comité, da CIG, e o propio Aboi, foi abordado ao remate do encontro nunha asemblea que tivo lugar pouco antes das 14 horas ás portas do hospital Montecelo, en que o cadro de persoal decidiu continuar coas mobilizacións até que non perciban a nómina completa.

Incumprimentos da empresa

O impagamento de salarios é o último dos moitos incumprimentos da empresa desde que se fixo cargo do concurso, tal e como veñen denunciando hai tempo desde o comité, até o punto de ter solicitado publicamente o rescate da concesión por parte do Sergas.

De feito, a representación do cadro de persoal compareceu en rolda de prensa o pasado 24 de novembro para denunciar tamén o "deterioro das condicións laborais desde que hai ano e medio a xerencia da área sanitaria sacara un concurso público deficitario contratando esta empresa dirixida dende Valencia", sinalan desde a CIG.

"O concurso público foi sacado a licitación por 19 millóns de euros a tres anos e dous máis de prórroga, con sete ambulancias menos respecto do anterior, sendo o único deficitario", acrecenta o sindicato nacionalista.

Comentarios