Permiso parental de oito semanas: en que consiste e cantas están remuneradas?

O ministro Pablo Bustinduy anuncia que se remunerará o permiso parental de oito semanas e que se estenderá de 16 a 20 o de paternidade.
Até o de agora as oito semanas de permiso parental non estaban remuneradas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Até o de agora as oito semanas de permiso parental non estaban remuneradas. (Foto: Nós Diario)

O ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, avanzou esta cuarta feira que se remunerará o permiso parental de coidados e que se estenderá de 16 a 20 semanas o de paternidade e maternidade. "Imos avanzar nos próximos meses para que sexa unha realidade a remuneración do permiso de coidado para o benestar de oito semanas por cada fillo a cargo", asegurou, no acto da toma de posesión dos altos cargos do seu departamento.

Tamén apuntou que a remuneración do permiso parental de coidados parte do "cumprimento" tanto do acordo de Goberno como da directiva específica nesta materia da Unión Europea. Fontes ministeriais precisaron que o obxectivo é empezar a remunerar catro das oito semanas. "Suporá un salto cualitativo na protección social en España, un paso adiante decisivo na conciliación e nas políticas de benestar", recalcou o titular da carteira de Dereitos Sociais.

Este permiso de oito semanas, dixo, "xa está recoñecido" na lexislación actual. Con todo, o cambio ten a ver coa remuneración, ata o de agora inexistente. "A situación actual é parecida a cando alguén pide unha excedencia, o salto cualitativo é que por primeira vez vai recoñecer o dereito para coidar os fillos e que ese tempo estea remunerado", explicou.

Aliás, indicou que lanzará "con celeridade" a aprobación da Lei de Familias. "Con esta medida comezaremos a saldar unha débeda histórica do noso país que ten a ver co infrafinanciamento", afirmou, para engadir que o texto recoñecerá xuridicamente "todos os tipos de familias, como as monomarentais, as adoptivas, as familias LGTBI, ou as que contan entre os seus membros con persoas con discapacidade".

Lei de servizos de atención á clientela

Por outra parte, en materia de Consumo anunciou que tramitará "a principios de 2024" a Lei de Servizos de Atención á Clientela, "unha conquista que devolverá á cidadanía a capacidade de exercicio pleno dos seus dereitos como clientes, entre outros". Estabelecerase un prazo máximo de 15 días para dar resposta ás reclamacións e un tempo de espera máximo de tres minutos en caso de consultas telefónicas. "É un primeiro paso na boa dirección, é dicir, en asegurar que a igualdade, a liberdade e a democracia sexan principios que rexan tambiénnuestra vida económica e social", enfatizou.

Bustinduy agregou que o Estado español presentará o exame nacional voluntario no Foro Político de Alto Nivel para o Desenvolvemento Sostíbel que se desenvolverá en xullo de 2024. "Isto permitiranos render contas dos avances conseguidos en materia de Axenda 2030 ante as Nacións Unidas e o conxunto da comunidade internacional e sumar novos compromisos para avanzar no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel", subliñou.

Nomeamentos no Ministerio

No citado acto tomaron posesión a secretaria de Estado de Dereitos Sociais, Rosa Martínez; a secretaria Xeral de Consumo e Xogo, Bibiana Medialdea; o subsecretario de DDSS, Consumo e Axenda 2030, Rubén Baz; a directora xeral de Axenda 2030, Paula Fernández-Wulff; o director xeral de Consumo, Daniel Arribas, e o director de Gabinete do Ministerio, Ricardo Molero.

Bustinduy celebrou os novos nomeamentos e sinalou sobre a nova secretaria Xeral de Consumo e Xogo, Bibiana Medialdea, que contar con ela "é unha garantía, de solvencia, de seguridade, de continuidade en todo o bo que se fixo na loita contra a desigualdade estrutural que atravesa as relacións de consumo na nosa sociedade e tamén de entusiasmo".

Tamén apuntou que é "unha honra" que se incorpore Rosa Martínez á Secretaría de Estado e destacou que conta cun "itinerario brillante", así como "intelixencia, firmeza e empatía", para abordar desde o Ministerio "o momento crítico", "a crise ecosocial" e "a necesaria resposta democrática".

Comentarios