As pensionistas galegas cobran 470 euros menos ao mes que os homes

A desigualdade entre as pensións dos homes e das mulleres é un feito. Segundo un estudo elaborado por Modepen, a diferencia sitúase en 470 euros ao mes. A fenda de xénero está lonxe de acurtarse.

Vellos
photo_camera As pensións de xubilación das mulleres son 470 euros mensuais inferiores ás masculinas. (Foto: Euroa Press).

O Movemento galego pola defensa das pensións e os servizos públicos (Modepen) vén de denunciar que “as pensións de xubilación das mulleres son 470 euros mensuais inferiores ás masculinas”.

Modepen advirte da “importante fenda de xénero nas pensións” e reclama “medidas eficaces para reducir e eliminar esta discriminación”. Neste sentido, o colectivo urxe das administracións políticas que poñan fin a desigualdade.

"419 euros ao mes"

O economista Xabier Pérez Davila, autor do volume A batalla polas pensións, sinala a Nós Diario que “a pensión media das mulleres na Galiza situouse en decembro de 2021 en 773 euros e a dos homes en 1,129 euros”. Nesta liña, indica que “a diferenza é de 419 euros ao mes”.

A fenda de xénero na contía das pensións pódese seguir en todos os réximes de cotización. Así, Davila fala dunha diferenza entre homes e mulleres de 63% para o Réxime Xeral da Seguridade Social, de 73% para o Réxime Especial de Traballadores Autónomos e de 54% para o Réxime Especial dos Traballadores do Mar.

Pérez Davila destaca que “as mulleres galegas perciben 4.500 millóns anuais menos que os homes en concepto de salarios e pensións”. Aínda así, significa que “esta cantidade non dá conta da discriminación económica total, xa que habería que considerar outras rendas”.

As rendas femeninas

O autor do libro A batalla polas pensións lembra que “no ano 2020, as pensións masculinas sumaron na Galiza 4.500 millóns de euros e as femininas, 3.400 millóns”. Asemade, apunta que “no ano 2019,os asalariados cobraron 12.200 millóns, as asalariadas 8.800 millóns”.

O economista significa que “Galiza fai parte da norma mundial”. Nesta dirección, sinala que “segundo Nacións Unidas, en 2018 a renda media feminina era de 11.000 dólares e a masculina 19.500”.

O traballo non retribuído efectuado polas mulleres ten unha parte de responsabilidade nesta situación. A este respecto, Davila destaca que “a Conta Satélite de Traballo Doméstico estima que de se pagar a prezos de mercado o traballo doméstico non retribuído, o PIB galego incrementaríase nunha terceira parte”.

Comentarios