A patronal galega contradí a CIG e asegura que a nova reforma laboral si "reduce a temporalidade"

A CEG apoia a reforma laboral e segue na liña deseñada pola CEOE e os sindicatos UXT e CCOO.
Protesta en Compostela contra a reforma laboral (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta en Compostela contra a reforma laboral (Foto: Nós Diario / arquivo)

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) apoiou publicamente nun comunicado a convalidación da reforma laboral do Partido Socialista (PSOE) e de Unidas Podemos (UP). A patronal galega asegura que a nova lei "dá estabilidade" ao mercado laboral e "traballa por reducir a temporalidade".

As palabras da CEG contradín completamente a posición da Confederación Intersindical Galega (CIG), cuxo secretario xeral, Paulo Carril, explicou a Nós Diario que esta reforma laboral "mantén intactas as partes máis lesivas e a totalidade da reforma de 2012 do PP e de 2010 do PSOE, que foran motivos de folga xeral".

A postura da patronal galega segue así a liña da CEOE e dos sindicatos estatais, a Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CCOO).

Para a CEG, a nova reforma laboral "aporta certezas de cara ao exterior e favorece a confianza no país". Outro dos puntos que destaca a patronal para apoiar a proposta da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, é que cumpre cos ditames da Unión Europea.

Unha reforma "inexistente"

Na CIG, a visión sobre a reforma laboral é diametralmente oposta. Paulo Carril aseverou que "non hai nin derrogación das reformas laborais nin recuperación de dereitos".

Ademais de avanzar na consolidación das partes máis lesivas da reforma laboral de 2012, o principal sindicato galego mantén que, no contexto da Galiza, a nova lei "reforza os instrumentos dos marcos estatais fronte ao marco galego na negociación colectiva e noutros ámbitos".

O secretario xeral da CIG lamentou que a reforma laboral de PSOE e UP ·chega nun momento no que estamos en permanente proceso da crise social e industrial".

Comentarios