O paro sobe en 2.062 persoas na Galiza

Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
En agosto asináronse 71.873 contratos, dos que a meirande parte, máis de 50.000, foron temporais. O sector servizos segue a liderar a creación de emprego no país.

O número de persoas paradas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego aumentou en 2.062 en agosto na Galiza, o que supón 1,47% máis que en xullo, de modo que alcanzou os 141.912 desempregados, segundo os datos publicados nesta sexta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

Son, con todo, 9.352 persoas menos en paro no país que doce meses atrás, o que representa un descenso interanual de 6,18%. No conxunto do Estado español, o dato do paro subiu en 40.428 persoas en agosto, 1,4% máis que en xullo, e volve situarse por riba  dos 2,9 millóns de persoas desempregadas.

Por sectores de actividade económica, o aumento do paro en 2.062 persoas na Galiza debeuse principalmente ao sector servizos, que anotou unha repunta de 1.681 paradas e parados.

Tamén subiu en industria (+214), en construción (+41) e no colectivo sen emprego anterior (+229). Baixou, pola contra, en agricultura (103 persoas menos en situación de desemprego).

O paro rexistrado alcanzou 9.709 persoas estranxeiras no país, o que supón un aumento en 143 desempregados, de 1,49%. Sexa como for, significa unha baixada en 312 persoas a respecto de agosto de 2021, 3,11% menos. Son 3.132 comunitarios e 6.577 extracomunitarios.

Cun total de 203.406 demandantes de emprego, deles 31.547 están ocupados e 152.978 sen ocupar (141.912 en paro). Os demandantes de emprego na Galiza sen ocupar son 2.106 máis que en xullo (+1,4%) pero 9.818 menos que en agosto do pasado exercicio (-6,03%).

Cae a contratación

No que atinxe á contratación, a Galiza contabilizou 71.783 contratos, que son 14.940 menos que en xullo (-17,23%) e 8.448 menos que en igual mes de 2021 (-10,53%).

Por sectores de actividade, correspondéronse sobre todo cos servizos (57.008), seguidos da industria (10.084), da construción (2.809) e da agricultura (1.882). Do total, 7.117 foron contratos a estranxeiros, 1.353 menos que en xullo (-15,97%) e 290 menos que en agosto do pasado exercicio (-3,92%), deles 1.464 comunitarios e 5.653 extracomunitarios.

Foron 20.873 indefinidos (9.236 menos que en xullo pero 14.737 máis que en agosto do ano pasado) e 50.910 temporais (5.704 menos que en xullo e 23.185 menos que un ano antes). No acumulado son 578.818 contratos, 181.340 indefinidos, 31,33% do total, fronte a 397.478 temporais, que representan 68,67% do dato global.