As oposicións no ensino ignoran a experiencia docente para obter a praza

A metade dos aprobados nas oposicións docentes non tiñan experiencia no corpo docente, descobre un estudo da CIG Ensino, que critica que non se valoren os méritos das traballadoras e traballadores do ensino.
Exame da oposición decorrida en xullo en Compostela (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Exame da oposición decorrida en xullo en Compostela. (Foto: Xunta da Galiza)

Case a metade dos aspirantes que aprobaron as pasadas oposicións docentes ten 0 puntos no baremo de experiencia no corpo, co que nunca traballaron no corpo docente ao que opositaban, se engadimos os que teñen menos dun ano e medio de experiencia ascende até o 66% dos aprobados, denuncia un estudo da sección de ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Para o sindicato, isto amosa como "a experiencia acumulada é un mérito maioritariamente irrelevante para obter unha praza fixa”, o que deixa nunha situación moi vulnerábel o profesorado interino, con especial énfase nas e nos pedagogos das especialidades máis minoritarias, polo que chama a explorar vías diferentes para resolver os problemas xerados “polo abuso da temporalidade por parte da Consellaría de Educación nos últimos anos”, apuntan.

Malia o uso recorrente destes mecanismos por parte da Xunta da Galiza, as porcentaxes de aprobados sen experiencia no corpo docente ao que se presentaron son especialmente altas en secundaria (50,6%), Escolas Oficiais de Idiomas (57,1%) e mestras (52,6%).

Os datos das oposicións revelan como só o 24,8% dos profesionais que conseguiron superar as oposicións tiñan unha experiencia superior a tres anos, mentres que no caso das docentes con máis de 10 anos de servizos prestados só o 6,2% acadaron praza fixa, indica a CIG Ensino, que lembra as diferencias da porcentaxe de interinidade entre os corpos docentes.

Garantir un concurso-oposición

Outro dos aspectos criticados deste proceso é a carencia dun proceso de concurso ao limitar a oposición á proba práctica e teórica, incide a CIG que isto impide que computen axeitadamente os anos dedicados á docencia, así como que “unha parte moi maioritaria das persoas aspirantes poida demostrar a súa capacidade pedagóxica na segunda parte, que consiste na exposición e defensa dunha programación e dunha unidade didáctica”.

O sindicato cuestiona os acordos de CCOO, UGT e CSIF co Goberno do Estado liderado polo PP, e advirte con respecto ás oposicións de 2020 que “moito profesorado con varios anos de servizo verá empeoradas as súas condicións de traballo, ou ben pasando a ser substituto ou substituta ou ben directamente ao desemprego”.

A proposta da CIG Ensino para resolver esta problemática é un acceso diferenciado para as prazas estruturais e as derivadas de xubilacións ou falecementos.

Comentarios