Oito semanas remuneradas até que a crianza faga 8 anos: así é o novo permiso parental

A Lei de familias crea novos permisos por coidados para pais e nais, como o que permitirá gozar de catro días ao ano por "motivos familiares urxentes ou inesperados" como cando, por exemplo, unha crianza enferma na escola.
paternidade (Foto: Nós Diario)
photo_camera O novo permiso está dirixido a pais, nais e titoras e titores de menores acollidos por un tempo superior a un ano. (Foto: Nós Diario)

O secretario de Estado de Emprego e Economía Social, Joaquín Pérez Rey, asegurou esta terza feira que o novo permiso parental de oito semanas que prevé a Lei de familias e que poderán gozar os pais de forma continua ou descontinua, até que a crianza faga 8 anos, será obrigatoriamente retribuído.

"O permiso parental de oito semanas, como saben, é unha obriga que deriva dunha directiva da Unión Europea e é unha obriga que, naturalmente, ten que ser retribuída, tal e como dispón esta norma", explicou o secretario, en rolda de prensa.

Pérez Rey tamén lembrou que esta norma europea dispón que os Estados membro terán até agosto de 2024 para estabelecer as medidas de retribución axeitadas para ese permiso. Ese é, por tanto, o "resultado final" ao que ten que levar a correcta transposición da directiva europea e que o Goberno español, afirmou, está "en prazo de cumprir".

Este permiso de oito semanas é un dos tres novos permisos creados coa Lei de familias, impulsada polo Ministerio de Dereitos Sociais e que agora comeza a súa tramitación parlamentaria tras ser aprobada en segunda volta polo Executivo de coalición PSOE-Unidas Podemos.

En concreto, tal e como dispón a citada a lei, poderán gozar deste permiso parental todas as persoas traballadoras, homes ou mulleres, para o coidado dun fillo, filla ou menor acollido por un tempo superior a un ano, até o momento en que a crianza supere os 8 anos de idade.

Novos permisos para pais e nais

Canda este permiso, a Lei de familias crea outros dous; un deles, de cinco días, por accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito ou parentes até o segundo grao por consanguineidade, ou de calquera persoa convivente.

Outro dos permisos será de catro días ao ano, que se poderá gozar por horas, por "motivos familiares urxentes ou inesperados". Un deses casos sería, por exemplo, cando chaman un pai ou nai do colexio porque se puxo enfermo o fillo ou filla, segundo expuxo a ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra.

Comentarios