Unha nova sentenza evidencia a “fraude” cos falsos autónomos no sector cárnico

O xulgado recoñece a relación laboral de Novafrigsa (Grupo Coren) co persoal que durante anos traballou como falso autónomo a través de Servicarne

Imaxe de arquivo dun matadoiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo dun matadeiro (Europa Press)

O Xulgado do Social número de 3 de Lugo vén de recoñecer a existencia da relación laboral entre Novafrigsa (do Grupo Coren) e os centos de traballadores e traballadoras que desenvolvían a súa actividade nos matadoiros desta empresa como persoal falso autónomo a través da cooperativa Servicarne.

A resolución xudicial, da que informa a CIG e contra a que cabe recurso, súmase a outras previas, e para o sindicato nacionalista volve recoñecer o que levan “anos denunciando sobre a situación de fraude e explotación masiva que se está a dar na industria cárnica a través da fórmula dos falsos autónomos”.

A demanda contra Novafrigsa e Servicarne foi presentada de oficio pola Seguridade Social a raíz da campaña de denuncia iniciada pola CIG en 2016 "contra a explotación laboral que sofren os traballadores e traballadoras dos grandes matadoiros galegos, co Grupo Coren e a cooperativa instrumental Servicarne no seu epicentro”.

O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, explica que este persoal  realizaba o seu traballo "en condicións lamentábeis, cuns ritmos inhumanos, cuns salarios miserentos que dependían dos quilos ou o número de pezas despezadas, sen dereito a vacacións pagadas, nin a permisos retribuídos e sen que se lle retribuíran as horas extraordinarias que facían a diario".

A CIG afirma que a estafa deste sistema resulta “tan obvia,” que na propia sentenza recóllese que “aquelas persoas que se dirixían a Navofrigsa en busca de emprego eran remitidas a Servicarne, indicándoselles que para prestar servizos tiñan que darse de alta como socios e socias da falsa cooperativa”.


 

Comentarios