sábado 16/10/21

A nova base en Compostela indigna ás traballadoras despedidas de Ryanair

Ryanair baseará unha aeronave máis na Lavacolla para cubrir as novas rutas con Roma e Zaragoza.
Avións de Ryanair (arquivo).
Avións de Ryanair (arquivo).

Desde o vindeiro 1 de xaneiro, o aeroporto compostelán de Lavacolla-Rosalía de Castro terá un novo avión de Ryanair baseado nas súas instalación, o que lle permitirá cubrir as dúas novas rutas que enlazarán a capital galega con Zaragoza e Roma. Pero esta boa noticia para os intereses do sistema aeroportuario galego polo aumento que supón do cadro de persoal viuse embazada pola "indignación" que esta medida xerou entre as máis de 200 traballadoras despedidas pola aeroliña irlandesa en Canarias o pasado 8 de xaneiro.  

Segundo denuncia o sindicato USO, a compañía xustificaba o seu feche nas illas alegando a falta de avións e os atrasos nas entregas dos Boeing 737 MAX. Só unhas semanas despois, anunciou a apertura dunha nova base en Viena con catro avións a partir do mes de marzo, á que se suma agora a ampliación da de Compostela cunha nova aeronave. "Nas cartas de despido dinnos que non teñen vacantes no Estado español para nós, que teñen un exceso de persoal e porén cada semana nos espertamos con informacións que nos fan sospeitar que detrás do feche en Canarias escóndense outros motivos", sinala Jairo Gonzalo, secretario de Organización de USO-Ryanair.

No sindicato puxeron a traballar ao seu equipo legal, que xa está a recompilar toda a información deste novo anuncio de Ryanair co gallo de aportalo ao xuízo por nulidade que se vai celebrar o vindeiro 10 de marzo na Audiencia Nacional. "Estamos convencidos de gañar. Toda esa documentación, xunto co informe de Inspección de Traballo reforzan os nosos argumentos. A empresa non xustificou os motivos do ERE e as xustificacións dadas no expediente caen mes a mes", asegura Gonzalo.

O anuncio prodúcese tamén despois de que a compañía reportase máis de 88 millóns de euros de beneficios no terceiro trimestre do ano.

comentarios