sábado 11.07.2020

Industria convocará a mesa multilateral para abordar o futuro da planta de San Cibrao

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, sinalou que se vai "buscar unha solución" nun encontro para que "Alcoa diga claramente se quere continuar ou non".

"RIP A Mariña" foi unha das contundentes consignas dos manifestantes (Foto: Europa Press).
"RIP A Mariña" foi unha das contundentes consignas dos manifestantes (Foto: Europa Press).

O secretario xeral de Industria e a Peme,  Raúl Blanco, trasladou no día de hoxe ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao que vai convocar a mesa multilateral para abordar o futuro da planta, tras o anuncio da empresa de realizar un despedimento colectivo de 534 traballadores da fábrica de aluminio.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, sinalou despois da reunión telemática que se vai "buscar unha solución" nun encontro para que "Alcoa diga claramente se quere continuar ou non". "E se non, buscar unha solución a esta problemática", agregou.

A ese próximo encontro están convocados representantes do Ministerio de Industria, a Xunta da Galiza, Alcoa e os traballadores. Ademais, o comité chama aos traballadores a non acudir á reunión deste xoves convocada pola empresa nun restaurante de Lugo para tratar o despedimento colectivo antes de abrir un proceso formal de negociación.

Mentres, o comité prepara unha manifestación para este domingo en Viveiro a partir das 11.30 horas, despois das últimas protestas que levaron a cabo nos últimos días, que incluíron o corte da autovía A-8 e da entrada e saída da fábrica de San Cibrao.

comentarios