Alcoa e a preocupación en vilas costeiras galegas pola afluencia “masiva” de turistas foron os dous temas que centraron a breve intervención do deputado do BNG no Congreso no debate sobre a prórroga do estado de alarma.
Néstor Rego dirixiuse a Pedro Sánchez para manifestar que “a emerxencia sanitaria e o estado de alarma non poden ser pretexto para desatender os intereses da Galiza". Lamentou que malia “a gravidade da situación” do anuncio de máis de 500 despedimentos en Alcoa, o Goberno español “non se movese” e instouno a buscar solucións, poñendo sobre a mesa a alternativa “da nacionalización, se é preciso”.
O deputado referiuse ás “loas” de Pedro Sánchez á bandeira española para reivindicar “a do meu país, azul e branca, e para moitos tamén vermella: tricolor e republicana”. Rego ensinou entón fotos de protestas de traballadores de Alcoa para manifestar: ““Non son os ricos de Núñez de Balboa (Barrio de Salamanca) defendendo os seus privilexios, son os traballadores do meu país loitando polos seus dereitos. Agardo que o teñan en conta”.
Desconfinamento
O representante do BNG na Cámara española empezou a súa intervención lamentando, máis unha vez, que o Goberno español non autorice a libre mobilidade dentro da Galiza.
Neste punto, sinalou que hai “preocupación” nas vilas costeiras galegas pola “afluencia masiva” de turistas nestas datas, procedentes de outras zonas do Estado e que se encontran en fases onde non poderían saír dos seus territorios.
Lembroulle ao Goberno español que a decisión de "non fechar Madrid" repercutiu nunha extensión do coronavirus