A industria auxiliar de Navantia perdeu 2.500 postos de traballo desde o verán

A situación das empresas auxiliares de Navantia en Ferrol é alarmante. Até hoxe destruíronse uns 2.500 empregos e perigan o resto pola falta de carga de traballo na comarca. Son datos da CIG. Sen expectativas de futuro, Navantia tensa aínda máis a corda coa da Unión Temporal de Empresas (UTE) Tecman-Rayma, encargada do seu mantemento, na que traballan 56 persoas. 
Mobilización do persoal da Unión Temporal de Empresas (UTE) Tecman-Rayma esta quinta feira diante das portas de Navantia Ferrol (Nós Diario)
photo_camera Mobilización do persoal da Unión Temporal de Empresas (UTE) Tecman-Rayma esta quinta feira diante das portas de Navantia Ferrol (Foto: Nós Diario)

O comité de empresa da Unión Temporal de Empresas (UTE) Tecman-Rayma explicou hoxe diante da entrada principal de Navantia Ferrol, da que é auxiliar, a súa situación polas novas condicións que a empresa pública introduciu nos pregos do novo contrato de mantemento. A nova estrutura fraccionou a actual en varias compañías, polo que quedarían sen comité de empresa e, aínda que a subrogación a teñen por convenio, a idea é crear unha bolsa de emprego para evitar a perda de postos.

Na actualidade, traballan para Navantia Ferrol entre 40 e 50 empresas auxiliares que dan emprego a unha cantidade que pode chegar até 4.000 traballadoras e traballadores, segundo explican desde a CIG-Industria. Serxio Martínez, membro da executiva desta sección sindical, indica a Nós Diario que desta cantidade "xa se perderon 2.500 empregos", unha situación que cualifica de "realmente preocupante".

Explica que "o barco que temos agora nas instalacións de Navantia marcha en breve, con probas de mar entre este mes e o vindeiro, segundo nos dixeron, e a partir dese momento o resto de persoal de auxiliares estarían fóra". O peor, para este sindicalista, é que "non hai perspectiva de carga de traballo nova" e en breve só quedará en Ferrol "algún contrato en cadeas, mais este tipo de obras duran pouco tempo e é para un número limitado de traballadores". 

Sen alternativas para 4.000 empregos

Martínez indica que hai que considerar que "en ningún centro de traballo da Galiza hai tanto persoal como o que ten a industria auxiliar de Ferrol" e, aínda así, "agora mesmo non hai alternativas". Explica que levan un ano avisando de que acontecería esta situación e pedindo carga de traballo. "Nós o que necesitamos é un barco que faga de ponte até que teñamos as fragatas F-110, que non virán até o segundo ou terceiro trimestre de 2022". Ese período é aínda máis extenso para o persoal das auxiliares pola pouca necesidade que teñen en Navantia ao inicio de cada encargo. "Cando comeza un barco traballa moi pouca xente e para recuperar todo ese emprego ao mellor haberá que agardar até 2023", relata. 

A capacidade de contratación de Navantia Fene tampouco é unha solución para que estas traballadoras e traballadores continúen en activo. "Na comarca de Ferrol só temos o eólico que pode absorber, como moito, 600 traballadores", explica este sindicalista, "o que ocupa unha gran masa de persoal é a construción naval, o resto son parches que non solucionan nada", engade.

Para Martínez, con esta situación "expulsamos un número enorme de traballadores do mercado laboral que non teñen posibilidade de que ninguén os empregue neste sector". Se sumamos a pandemia que provocou a Covid-19 e a falta de expectativas doutros sectores, a tormenta perfecta está servida. 

Folga xeral en Ferrolterra

Para CCOO a carga de traballo é única saída que ten a comarca a nivel laboral. "Exiximos que a transformación do buque Galicia se faga nos estaleiros de Ferrol para minimizar os efectos de destrución masiva da industria auxiliar", expón o secretario xeral de Industria de CCOO, Víctor Ledo. "Cando se remate o buque actual non quedará case ningunha actividade e non hai ningunha perspectiva para eles máis alá dos encargos da eólica mariña", coincide en afirmar a Nós Diario

Por este motivo reafírmase "na necesidade da folga comarcal do día 10 de marzo", que convocaron todos os sindicatos de Ferrolterra e que fora adiada desde febreiro por mor da situación de emerxencia sanitaria. Esa xornada visibilizaranse tamén as consecuencias na comarca co feche de Gamesa, o desmantelamento da central das Pontes e o ERE de Galicia Téxtil.

Comentarios