domingo 01/08/21

Navantia decide non facer investimentos en Ferrol "se non hai novos encargos no futuro"

Belén Gualda, presidenta da empresa pública, decide continuar coa liña da súa predecesora no cargo.
Concentración de traballadoras e traballadores de Navantia en Ferrol o pasado 19 de novembro (Nós Diario)
Concentración de traballadoras e traballadores de Navantia en Ferrol o pasado 19 de novembro (Foto: Nós Diario)

A nova presidenta de Navantia, Belén Gualda, certificou na última reunión que mantivo co comité de empresa do estaleiro ferrolán que non poría en marcha o plan de transformación 4.0 se non había novos contratos. Para Marcelo Amado, delegado da CIG, esta decisión "déixanos sen futuro". Cualifica a reunión, en declaracións a Nós Diario, de "decepcionante" por non dar "ningunha alternativa" á actual situación de falta de traballo até 2022. Este sindicalista lembra que en 2016 estaba previsto, e ligado aos contratos das fragatas, "contar cun dique cuberto" para ser competitivos. 

Perda de competitividade con outros estaleiros

"Ningún estaleiro constrúe xa en grada, nin civil nin militar", afirma, engadindo que "abarata case 20% dos custos e do tempo". Ademais, a construción dun dique destas características, sinala, "mesmo reduce custos en relación á pintura, por pintar menos o barco que se estivese ao aire libre na súa construción".

Neste sentido, Amado cre que este tipo de investimentos poderían estar ligados aos fondos europeos, que virán este 2021, ou á mellora na transición enerxética "pola redución de prazos ou por ter unhas condicións medioambientais mellores das actuais". 

Traslado de contratos a outros estaleiros

Outra das queixas desde os estaleiros de Navantia en Ferrol é a falta de modernización nos sistemas de construción dos buques. "Os medios de elevación que agora empregamos mesmo están anticuados", indica Amado, "cando en San Fernando (Cádiz) cun guindastre colocaban na grada un aro enteiro do BAM, nós tiñamos que empregar dous para colocar medio aro".

Ademais, desconfía de que algunha obra de transformación, como se fixo co buque Galicia do Exército, "estean dubidando entre facela aquí ou en Cartaxena, cando foi aquí quen lanzou a oferta e o cálculo de custos", aínda que "saben que alí terían que remodelar as instalacións que teñen porque non se poderían facer tal e como están". 

Mobilizacións e presión en Madrid

O comité de empresa de Navantia ten previsto entrevistarse esta cuarta feira en Madrid con todos os grupos políticos con representación no Congreso que teñan parlamentarios galegos.

"Falaremos co PSOE, PP, Podemos e BNG", informa Amado, "a nosa principal reivindicación é, ademais da carga de traballo inmediata, reclamar os investimentos que non se fixeron", engade. Ese mesmo día tamén haberá unha concentración no propio estaleiro de Ferrol e, para semana, comezarán a traballar na folga xeral que terá lugar o día 10 de marzo.

comentarios