Os homes despedidos por Puertas Betanzos por "coller vacacións" reciben varias ofertas de traballo

Ibrahima e Magatte traballaban até agora en Puertas Betanzos (Foto: Casa Museo Emilia Pardo Bazán).
"Está a haber algunha chamada, máis dunha, ao sindicato para ofertarlles un posto de traballo", indicaron desde a CIG.

Os dous senegales que trataron de auxiliar Samuel Luiz (o mozo asasinado na Coruña en xullo de 2021 tras unha brutal malleira no paseo marítimo) recibiron ofertas de traballo tras o seu recente despedimento.

Así o confirmaron desde a Confederación Intersidical Galega (CIG), sindicato co que se puxeron en contacto os dous homes após o despedimento por parte de Puertas Betanzos, empresa que, no seu momento e tras coñecerse a súa participación no caso de Samuel Luiz, contratounos.

A empresa, segundo se coñeceu nos últimos días, despediu os traballadores por “coller vacacións” o que xerou unha gran polémica.

"Está a haber algunha chamada, máis dunha, ao sindicato para ofertarlles un posto de traballo", indicaron desde a central sindical.

Desde a CIG, incidiron en que os dous homes o que queren é seguir "traballando".

"Queren gañar a vida", engadiron despois de denunciar que a empresa para a que traballaban despediunos por "coller vacacións", algo que desde a mesma negaron.

En concreto, alegaron causas económicas e produtivas e a necesidade de persoal "máis cualificado".

Con todo, desde a CIG, que se ratificaron nas súas denuncias sobre a empresa, aseguran que no carta de despedimento aos dous homes "recoñécese a improcedencia". "Invoca causas económicas, pero non dá ningunha cifra que poida sustentalo".

Tamén alegaron contradicións no relato da mesma sobre as causas do despedimento, mentres que a empresa avanzou que interporá unha demanda xudicial para esixir á CIG unha rectificación.